ConcellosÚltima hora

A gastronomía das Terras de Trives, protagonista de “Come a Comarca” na televisión galega

Este programa, con cociñeiros tamén desta comarca, poderá verse esta noite a partir das 22:30h.

 

A cultura gastronómica da comarca das Terras de Trives (concellos de Trives, Manzaneda, San Xoán de Río e Chandrexa de Queixa) será o eixo central do programa da televisión galega “Come a Comarca” deste martes 9 de xuño. Poderá verse a partir das 22:30h.

Despois de descubrir as singularidades da gastronomía desta zona, os concursantes elaborarán un menú formado por: empanada de polo feita con fariña de castaña, guiso de tenreira e, xa como sobremesa, bica de Trives.

O chef Anxo Trives, do Hostal La Viuda e membro de Cociña Ourense, será o “infiltrado”, o encargado de conducir aos concursantes polo mundo gastronómico trivés. Os cociñeiros da comarca participantes serán Luísa Villarino e Maribel Vázquez, da Cantina do Catro; Isabel Prada e Eliana Murias, de Casa do Agenor (Cova); José García, da panadería Terras de Trives.

Primeiro irán á cooperativa de castañas Amarelante de Manzaneda, despois a San Xoán de Río, onde Carmen lles ensinará a preparar empanada; a continuación a Chandrexa de Queixa para visitar a gandería Galupa e, finalmente, Pilar, veciña de Trives, explicáralles como se prepara a tradicional bica de Trives.

Os catro concellos da comarca trivesa estarán representados gastronomicamente: Cooperativa Amarelante por Manzaneda, Carmen do Bar Corredoiro por San Xoán de Río, Gandería Galupa por Chandrexa de Queixa e Pilar da panadería Luciano pola Pobra de Trives.

Ademais entre os 15 membros do xurado estaba o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez, e a alcaldesa da Pobra de Trives, Patricia Domínguez.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button