OurenseÚltima hora

A gastronomía dos Camiños a Santiago centrará Xantar 2021

A 22ª edición do Salón Internacional do Turismo Gastronómico celebrarase en Expourense entre o 3 e o 7 de novembro

Imaxe dunha edición anterior de Xantar. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

Co obxectivo de converterse nun gran reencontro para os profesionais da enogastronomía, o turismo e a hostalería da Península Ibérica, contando tamén coa presenza de países de América Latina, a 22ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, celebrarase en Expourense entre o 3 e o 7 de novembro e estará centrada na gastronomía dos distintos Camiños a Santiago.

O cambio de datas ao segundo semestre do ano e nun mes moi especial para a gastronomía ourensá coa celebración do San Martiño e os Magostos, é unha das novidades desta edición que quere servir como punto de inflexión que supoña a volta á normalidade e que contribúa a promocionar internacionalmente a Galicia como un destino enogastronómico seguro e excelente nun momento tan especial como o dobre Ano Xacobeo 2021 e 2022.

 

 

Na primeira reunión do comité asesor de Xantar 2021 na que participaron unha vintena de expertos de Galicia, Asturias e Portugal, o director da feira e director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, presentou as novidades desta edición que ofrecerá unha experiencia única e segura ao visitante e que quere converterse en motivación turística per se na captación de viaxeiros a Ourense “que poderían vir á cidade para visitar Xantar e comer aquí pero despois visitar, comprar, cear e pernoitar na cidade”, tal e como explicou Rogelio Martínez.

As novas restricións que conleva a pandemia levaron á organización a reducir a 8 o número de restaurantes (entre eles os do INORDE, Sabores de Ourense e BOAGA-Razas Autóctonas cuxos representantes participaron nesta primeira reunión do comité) e a 2 as aulas gastronómicas que serán agora moito máis amplas para garantir a seguridade do visitante e no que se impartirán, entre outras, actividades coordinadas pola Consellería do Mar, pola Axencia Galega de Calidade Agroalimentaria- AGACAL da Consellería do Medio Rural, por Porto e Norte e pola Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixe e Mariscos-ANFACO.

 

Reunión telemática do comité xestor de Xantar.

 

No referente ás accións profesionais, organizaranse as xa habituais incluídas no 16º Encontro Internacional sobre Gastronomía Saudable e Sostible que contemplan a realización de talleres de cociña en directo a cargo de prestixiosos chefs e con produtos autóctonos de calidade; o Encontro Internacional de Confrarías Gastronómicas e Enófilas ou o Concurso de Cociña patrocinado polo Grupo Cuevas, entre outros. Tamén se celebrará unha nova edición do Workshop de Comercialización de Turismo Gastronómico coa participación de operadores de turismo e organizarase por primeira vez unha misión con distribuidores internacionais de produtos agroalimentarios.

Ademais, esta edición de Xantar estará centrada na promoción da “Gastronomía dos Camiños”, dende o francés, o de Inverno ou a Vía da Prata, ata o Portugués. “Santiago é o final do Camiño para o peregrino, pero este dobre Ano Xacobeo simboliza tamén o principio da reactivación do sector turístico en Galicia e desde Xantar non se quere deixar pasar esta oportunidade para posicionar a esta comunidade como un destino seguro que ofrece todo o que o turista post Covid busca e necesita”, aseguan dende Expourense.

Artigos relacionados

Back to top button