OurenseSen categorizarÚltima hora

A Gudiña e Medio Rural analizan colaboracións en materia de mobilización de terras

O seu alcalde, José María Lago, está interesado en poñer en marcha un proxecto centrado na recuperación de soutos tradicionais de castaña e de praderías en terras de pasteiro abandonadas
O conselleiro de Medio Rural, na reunión co alcalde da Gudiña.

O alcalde da Gudiña, José María Lago, vén de reunirse co conselleiro do Medio Rural, José González, para analizar posibles colaboracións en materia de mobilización de terras, co fin de ampliar a base territorial das explotacións agrogandeiras da zona e loitar así contra o abandono de predios e os incendios forestais.

Así, o conselleiro salientou o traballo que se está levando a cabo desde a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para reducir o número de terreos abandonados na comunidade. Neste senso, González salientou que en Galicia hai actualmente arredor de 114.000 hectáreas de terra con boa aptitude agraria para ser postas en produción e, desas, unhas 46.000 son da mellor calidade.

O titular de Medio Rural tomou nota do interese do alcalde por poñer en marcha un proxecto deste tipo, centrado na recuperación de soutos tradicionais de castaña e de praderías en terras de pasteiro abandonadas. No primeiro caso, José González lembrou ademais que está aberto o prazo para solicitar as axudas para a creación de superficies forestais mediante a plantación de coníferas e frondosas tales como piñeiros, carballos, castiñeiros e nogueiras.

No tocante o plan de pastos en extensivo, o conselleiro salientou que proximamente comezarán os traballos de acondicionamento de máis de 300 hectáreas no concello veciño de Cualedro. Trátase dunha iniciativa que dá resposta a unha das 30 medidas deseñadas tras a vaga de incendios do pasado ano, no que atinxe, en concreto, á mellora das zonas de pastoreo extensivo no sur de Galicia.

O titular de Medio Rural trasladoulle ao rexedor municipal a importancia destes traballos dentro dunha estratexia de dinamización e aproveitamento sustentable dos espazos rurais. Así, a través deste plan búscase unha ordenación silvopastoril que racionalice o aproveitamento do monte e actúe como ferramenta para controlar a vexetación arbustiva. Un proxecto polo que o alcalde mostrou gran interese polos beneficios que conleva para os agricultores e gandeiros da zona en xeral e tamén pola seguridade dos propios veciños en particular, ao actuar como ferramenta de prevención dos lumes forestais.

Artigos relacionados

Back to top button