CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

A Guerra Civil española a través da prensa escrita e da cartelería, nunha exposición do IEV no Casino do Barco

A mostra, organizada polo IEV en colaboración coa Asociación Casino, poderá visitarse ata o mes de decembro

 

Heraldo de Aragón, La Vanguardia, El Pensamiento Navarro, El Alcázar, ABC, La Voz,… Son algúns dos periódicos que narraron entre 1936 e 1939 a Guerra Civil española e que dende hoxe e ata o mes de decembro poderán verse, xunto a unha compilación de carteis da época, panfletos e mesmo libros, no segundo andar do Casino, no Barco de Valdeorras.

Trátase da exposición “Periódicos e carteis da Guerra Civil (1936-39)” da colección de Blanco Trincado, organizada polo Instituto de Estudos Valdeorreses en colaboración coa Asociación Casino de O Barco, cuxa apertura ao público tiña lugar na tarde deste luns 20 de setembro. Foi unha inauguración sinxela, na que o presidente do IEV, Aurelio Blanco Trincado, explicou que se trata dunha mostra “para ver e tocar”, permitindo á xente que colla os periódicos e os lea, volvendo deixalos tal como estaban unha vez rematado. Por esta mesma razón explicou que os carteis non son os orixinais xa que “se a xente os vai tocando acaban deteriorándose”, dixo Blanco Trincado diante da sala chea de periódicos espallados por diferentes mesas. “A prensa escrita era moi importante para dar conta do que acontecía, que sería narrada dun ou doutro xeito dependendo do bando ao que pertencera o medio e aquí hai de ambos bandos. Trátase dunha exposición, sen cor político”, asegurou, o presidente do IEV.

 

Cartel na entrada do Casino, anunciando a exposición no segundo andar do edificio.

 

Malia contar con máis material sobre este periodo, de momento están expostos uns 40 carteis e 50 periódicos, que poderán visitarse de martes a xoves de 15 a 18 horas; venres de 15 horas ata peche do Casino; e sábado se domingos de 14 horas ata peche do Casino. A entrada será libre ata completar aforo, sendo obrigatorio o uso de mascarilla e a distancia de seguridade sanitaria e as visitas de grupos deberán concertarse por teléfono. De feito dende o IEV convidarán aos colexios, “para que os alumnos podan ver os documentos expostos e coñezan unha parte da historia de España que non ten sido suficientemente contada”, asegura Blanco Trincado, adiantando que de ser o caso, farían visitas guiadas cun número determinado de personas segundo as normas sanitarias en cada momento.

Blanco Trincado tamén adiantou que haberá máis exposicións nos vindeiros meses, de temática moi variada, convidando aos presentes a asistir, o vindeiro sábado 25 de setembro nesa mesma sala, ao nomeamento de Ángel Fernández Fernández como Membro de Mérito do IEV.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button