CulturaCulturaÚltima hora

A Guía do Camiño de Inverno, de Ponferrada-Santiago por Valdeorras e a Ribeira Sacra, tamén en inglés

Xa están na rúa a 5ª edición en castelán e a nova traducida polo propio autor, José D. Rúa Pérez

A presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras, Asunción Arias, coa guía.

Oito anos pasaron xa dende a primeira edición da Guía do Camiño de Inverno, de Ponferrada a Santiago por Valdeorras e a Ribeira Sacra, a pé e en bicicleta, con cinco edicións na rúa da man de A Pena D’Agua Edicións. A última, actualizada, era presentada en agosto deste ano 2019, xunto a unha en inglés.

“Había unha demanda non só por parte da xente de fala inglesa senón polos estranxeiros en xeral”, asegura a presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeoras, Asunción Arias, engadindo que no que vai de ano pasaron por Valdeorras peregrinos de China, Xapón, Xerusalén, Quebec, Australia, Alemaña, Francia, Benelux e África. “Este é un camiño que gosta moito aos estranxeiros”, di.

Con respecto á guía, foi traducida polo propio autor José D. Rúa Pérez e conta con máis páxinas que a orixinal. “Non se trata dunha copia exacta xa que inclúe un glosario explicativo de termos que xente allea á cultura galega non coñece como por exemplo, peto de ánimas”, explica Asunción. Ademais, tanto a edición en inglés como a 5ª en castelán son máis completas que as anteriores. Os mapas son máis grandes e inclúen información sobre masaxistas, quiroprácticos e fisioterapeutas “para que as persoas que teñan problemas fisiolóxicos podan acudir a profesionais ao final de etapa”.

 

Portada da edición en inglés da guía do Camiño de Inverno. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Camiño de Inverno está vivo e por iso constantemente estanse producindo modificacións (sinais, albergues novos, hostais que varían, prezos,…). O autor da guía recolle todas esas novidades e publícaas na web http://www.caminodeinvierno.es, á que dirixe aos peregrinos dende un globo informativo engadido na páxina 5. Con respecto ás sinais, a presidenta da asociación valdeorresa adianta que serán os propios socios os que sinalicen con flechas o albergue na Rúa, “para que estén pintadas en canto se abra”, asegura Asunción Arias.

As guías están á venda en Internet a través de Amazon e por toda España. “Traballo cunha distribuidora exclusiva de guias que se chama Mapiberia e tamén estamos en contacto con asociacións doutros países”, puntualiza, Asunción Arias, responsable tamén da editorial.

 

Portadas da 5ª edición da guía en castelán e da edición en inglés. /Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button