CulturaCulturaÚltima hora

A historia da “Eléctrica de Pantón”

A Asociación Segredos de Pantón vén de afondar na memoria desta empresa, situada entre os concellos de Pantón e Carballedo

A Fábrica da Luz de Pantón./ Foto: Asociación Segredos de Pantón.

 

A Asociación Segredos de Pantón continúa a traballar para rescatar a memoria deste municipio lucense e de zonas próximas. É unha mostra dese labor é o estudo realizado sobre a empresa “Eléctrica de Pantón”, que no pasado século XX “fixo máis viva ca nunca a unión entre ambos concellos xa que esta empresa pantonesa tiña unha fábrica da luz en Carballedo, nunha fermosa paraxe, ao carón da aldea de Paradela na parroquia de Santo Estevo de Chouzán”.

 

Foto: Asociación Segredos de Pantón.

 

O traballo realizado pola Asociación Segredos de Pantón é o seguinte:

Eléctrica de Pantón

Comezo da empresa

A empresa nace da man de José Moure Losada, empresario da vila do Castro de Ferreira, cando na segunda década do século pasado puxo os primeiros pasos para a apertura da fábrica da luz. A base da Eléctrica de Pantón estaba no Río Couto ou Rego de Fondós no concello de Carballedo. Antes de montala neste paraxe plantexouse facelo propio no Quello, nun lugar próxima á fervenza de Augacaída, pero foi imposible.

No boletín oficial da Deputación de Lugo do día 30 de maio de 1921 decláranse de utilidade pública os terreos de propiedade particular no contorno da central.

O proxecto da obra foi obra de Ramón Lafortet Cividanes, que contaba xa con experiencia nestas obras. A súa instalación custou 50.000 pesetas.

 

Fábrica da Luz 1945./ Foto: Arquivo Enríquez Moure.

 

Eléctrica de Pantón abastecería electricidade aos concellos de Saviñao, Sober e Pantón. Nestes municipios os núcleos de poboación que tiveron luz eléctrica foron entre outros, Marce, O Castro de Ferreira, Escairón, Morgade, Sober e Canabal.

O 18 de xaneiro de 1934 transfírese a titularidade da empresa a Fructuoso Enríquez Moure co fin mellorala e ampliala.

Finalmente en xaneiro de 1952 transfírese a fábrica da luz do Rego de Frondós á FENOSA, que era a concesionaria do aproveitamento hidroeléctrico do río Miño dende 1948, e as liñas de transporte de enerxía e redes de distribución á Sociedade Xeral Galega de Electricidade (S.X.G.E.).

 

Reparación de postes en 1945./ Foto: Arquivo Enríquez.

 

 

Traballadorxs

A maioría dos empregados eran da propia familia ao ser esta unha empresa de carácter familiar. Ou senón eran veciños de aldeas da contorna da estación.

Aínda que ao comezo a maioría eran traballadores da aldea de Sacardebois do concello de Parada de Sil, ao estar alí unha fabrica da luz xa existente e traer eles experiencia na devandita empresa ourensá.

Os traballadores do Castro de Ferreira aos inicios da vida da eléctrica acudián ata o lugar do Castelo nunha moto Royal Enfield, preto de Marce e dende alí cruzaban en barca. Xa nos anos 1940 tiñan unha furgoneta Fiat que pertencera ao exército.

 

A Fábrica da Luz de Pantón./ Foto: Asociación Segredos de Pantón.

 

Fin da “Eléctrica de Pantón”

Coa subida das augas do Miño polo encoro dos Peares, anegou a fábrica da luz e os terreos limítrofes a finais do outubro de 1952. Aínda que seguiu a subministrar electricidade aos seus abonados ata a primavera de 1954, empregando enerxía procedente do Salto das Conchas, na Baixa Limia, a través dunha caseta da S.X.G.E.) que posuían en Canabal.

Coa subida do nivel da auga, produciuse a retirada de toda a maquinaria da fábrica e outras pertenzas da mesma por medio de barcas. A maquinaria toda vendeuse en 1953 a José Pérez Mel e Damián López Ferreiría, que tiñan unha concesión no río Beloi no lugar do “Salto da Onza”, na parroquia de Perreiro do concello de Alfoz.

Bibliografía -Arquivos da familia Enríquez Moure. -Artigo de Flora Enríquez Rodríguez, “A Eléctrica de Pantón no Saviñao”. – Lendas e tradicións da Ribeira Sacra Vilar de Ortexe Os Estraloxos.

Texto: Asociación Segredos de Pantón.

 

Selo da empresa./ Foto: Arquivo Enríquez.

 

Artigos relacionados

Back to top button