ConcellosEn portadaÚltima horaVilamartín

“A historia do Castro de Valencia do Sil é aínda máis longa e complexa do que pensabamos”

Carlos Tejerizo, director da escavación deste xacemento vilamartinés, fai balance desta segunda campaña de escavacións que revela varias fases de ocupación

Carlos Tejerizo, o director da escavación, durante a visita guiada realizada na mañá do 19 de setembro./ Foto: Sputnik Labrego.

 

O Castelo de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras) vai desvelando os seus segredos. Sen embargo, aínda son máis as incógnitas que as certezas, algo que acentúa o interese deste rico xacemento, que apenas ten escavada o 5% da súa superficie total. Neste 19 de setembro remataba, cunha visita guiada, a segunda campaña arqueolóxica consecutiva de Sputnik Labrego no castro.

O balance é moi positivo. A escavación aporta novos e valiosos datos, moito material para analizar e procesar e mesmo “abriu máis preguntas das que tiñamos, que iso sempre está ben. Un encóntrase sorpresas e por iso ten sentido escavar”, comenta o director da campaña, o arqueólogo Carlos Tejerizo.

A intervención iniciábase o 1 de setembro e ao longo de tres semanas e actuábase en tres sectores diferentes: a croa, a zona escavada hai xa 50 anos polos Escarvadores e o lugar no que traballaban o ano pasado, inicialmente asociado a unha zona produtiva. “Seguimos considerando que no entorno está esa zona produtiva, o que pasa é que nesta estrutura non atopamos evidencias máis claras de que houbese estruturas de produción de ferro, pero si que encontramos escouras, é dicir, os residuos desa produción, co cal ten que ser nas cercanías”, aclara Carlos Tejerizo.

 

 

O equipo de investigadores ampliaron a escavación nestes dous últimos sectores e conclúen que “o xacemento é aínda máis complexo do que pensabamos porque tanto nun sector como outro, tanto as estruturas como as estancias das casas, alónganse no espazo. E nesa ampliación o que vimos é que aínda había moitísimo máis por escavar con moitísimo material, queda moitísimo por saber”, destaca Tejerizo.

É máis, outra das sorpresas deste ano foi que apareceron muros inferiores, cortados por estas estruturas, “o que significa que a historia do xacemento é moito máis longa do que nós entendiamos, que si que había outras persoas que valoraran esa hipótese, pero por primeira vez temos evidencias materiais de que a historia do xacemento é máis longa, de que había fases previas á instalación destes edificios que podemos ver en superficie”, indica o director da campaña. Datar a ocupación inicial dependerá agora dos datos resultantes das analíticas do abondoso material recuperado.

 

 

O que si parece xa máis claro, polas novas evidencias, é o momento no que O Castelo se abandonou: mediados do século V despois de Cristo. “Sería xa dentro do proceso de emerxencia do reino suevo”, asegura Tejerizo.

Ata tres liñas de foxo na croa, a parte máis alta do xacemento

Na croa, a zona máis alta do xacemento, non se atopaba ningunha evidencia de ocupación, pero si se documentaban “ata tres liñas de foxo, que xa coñecían, se ben agora podemos documentalas en extensión e incluílas dentro dunha planimetría máis ampla que nos permita ver como se organizaba todo o espazo. Fixemos un vóo dron, desta zona, que nos vai permitir entender ben como se articulaban estas liñas de foxo con respecto ao xacemento”, explica o director da campaña.

Valencia do Sil, lugar de formación para novas arqueólogas

Cinco alumnas do Máster Interuniversitario de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade da Universidade de Santiago de Compostela (USC) formábanse durante esta campaña en Valencia do Sil, onde ademais de aprender técnicas arqueolóxicas de primeira man coñecían os recursos patrimoniais da comarca e as súas xentes.

“Formamos arqueólogas para o futuro a través do convenio que asinou a USC co Concello de Vilamartín e esta primeira experiencia ten sido tremendamente positiva nos dous sentidos, xa que o xacemento de Valencia do Sil ten sido unha escola de prácticas e de aprendizaxe para futuras arqueólogas, e ademais, permitunos abrir a fronteira de Valdeorras ao exterior, porque é case todas viñan de fóra, e coñeceron a comarca a través moitas actividades de excursións, de saídas de campo que fixemos”.

 

 

Os positivos resultados desta segunda campaña e o interese do Concello de Vilamartín por seguir poñendo en valor este xacemento fai que se pense xa nunha terceira campaña de cara ao vindeiro ano. “Todos os elementos parecen favorables para que continuemos traballando aí e efectivamente o xacemento meréceo porque aínda hai moitas preguntas que contestar, hai aínda moito traballo que facer tendo en conta a extensión do xacemento”, conclúe Tejerizo.

Texto A.R.
Fotos cedidas polo Concello de Vilamartín.

Máis información:
https://www.osil.info/enrique-alvarez-queremos-consolidar-o-proxecto-do-castro-de-valencia-do-sil/

Artigos relacionados

Back to top button
Close