ConcellosParada de SilÚltima hora

A historia do último chocolateiro de Parada de Sil, nun libro

José Luis Fernández Carnicero vén de presentar a obra "A fábrica de chocolate en Teimende", nun acto celebrado nesa mesma localidade nesta fin de semana

Publicidade

 

De emprendemento no mundo rural décadas atrás e da aposta polo bo facer, pese ás dificultades, fala o libro “A fábrica de chocolate en Teimende”, que se presentaba nesta fin de semana. O acto tiña lugar na localidade de Teimende (Parada de Sil), no local social onde hoxe está ubicada a Casa Museo do Chocolate, a única das súas características en Galicia.

Na presentación contábase co autor da obra, José Luis Fernández Carnicero, quen puxo de manifesto a satisfacción polo resultado acadado, que lle permitiu coñecer de cerca a experiencia singular da familia Casares, capitaneada por Arturo Casares na primeira metade do século pasado e a do seu fillo Ricardo, quen recolleu o testigo moi novo por enfermidade do seu pai e se convertíu en verdadeiro artífice da iniciativa, á fronte da que permaneceu ata a sua xubilación.

Entre as cousas que lle chamaron a atención a Fernández Carnicero, suliñou a “a honestidade de Ricardo, que preferiu cesar na actividade antes que devaluar o seu produto”, cando as grandes multinacionais empezaron a utilizar ingredientes de peor calidade para abaratar os prezos e afogar así ós pequenos produtores.

Para escribir o libro, o autor valeuse da documentación aportada pola familia Casares, así como da testemuña das duas fillas do último chocolateiro, Loli e Rosa, que de nenas axudaban na elaboración do chocolate durante as vacacións escolares. Tamén utilizou material do seu propio arquivo familiar, e en menor medida de outras fontes vencelladas ó mundo do chocolate e o cacao.

Esta obra está escrita en castelán e traducida ao galego-portugués polo profesor Isaac Alonso Estraviz. Incorpora numerosas fotografías e documentos con facturas, albaráns, escritos de petición de mercadoría ou maquinaria, que dan unha idea fidedigna do funcionamento e do contexto no que se desenvolvía a elaboración do chocolate.

Carnicero tamén puxo de relevo que “o libro deixa entrever a importancia do mundo rural e a capacidade de emprendemento de xentes como Arturo e Ricardo Casares en lugares onde a vida se desenvolvía en condicións moi difíciles en tempos complicados económica e politicamente”.

 

O Museo do Chocolate

O alcalde de Parada, Aquilino Domínguez, chamou a atención sobre a importancia do Museo do Chocolate, que contribue a dar vida ó concello xunto con outros recursos naturais ou arquitectónicos de primeiro nivel, como o mosteiro de Santa Cristina, a necrópole de San Vítor de Barxacova, os miradoiros ou a pasarela do Mao. “A publicación deste libro por parte do Concello é unha aportación ao coñecemento e comprensión do noso pasado e facilitar o que habemos de facer cara o futuro”, aseguraba.

Por parte da familia fixo uso da palabra Loli Casares, quen agradeceu o traballo do autor e tamén o respaldo do Concello, “dende que en 2012 escomenzamos a traballar na idea de qué facer co legado do noso pai e que desembocou no actual Museo. Para nós é un orgullo ter doado a casa da vella fábrica e a maquinaria para que hoxe poida ser admirada e explicada a cantos se achegan a ela”.

Tamén resaltaba que “o noso pai foi un home tan humilde como audaz e o Museo é o xusto premio á sua capacidade visionaria, capaz de soñar o rexurdir de Parada cando máis acusado era o esmorecemento. Mágoa que non puidera chegar a ver que a fábrica á que adicou tanto esforzo e mimo é hoxe un dos faros da puxanza de Parada”.

Imaxes cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button