CulturaCulturaÚltima hora

A historia dos montes comunais de Casaio e Lardeira, obxecto dunha investigación

Nas próximas dúas semanas o equipo de Sputnik Labrego analizará documentación e os restos materiais que "quedan das paisaxes do pasado"

Publicidade
Imaxe: Sputnik Labrego.

 

“A finais do século XVIII produciuse un conflito entre os concellos veciñais de Puente de Domínguez Flórez e o de Lardeira por unhas terras nos espazos mancomunales xestionados por estas dúas comunidades. Este conflito deixou unha documentación escrita que, analizada xunto con outros conflitos similares xa coñecidos, permitirá ao equipo de Sputnik Labrego profundar na historia dos montes comunais de Casaio e Lardeira”, así o vén de adiantar este colectivo de investigadores a través dunha nota de prensa.

“Ata o de agora analizamos fundamentalmente os procesos máis contemporáneos, como o da minería de volframio ou a guerrilla antifranquista. Con todo, sen entender como se articulaba a economía antes destes eventos, non se poderá saber o realmente impactante que foron”, en palabras de Carlos Tejerizo, director do equipo.

Deste xeito durante as próximas dúas semanas, o equipo de Sputnik Labrego investigará a historia dos montes comunais de Casaio e Lardeira (Carballeda de Valdeorras) a través dos restos materiais que quedan das paisaxes do pasado. Entre eles, un dos máis importantes será a localización e documentación do antigo poboado de Campo Redondo, sobre o que xa o historiador valdeorrés Isidro García Tato escribiría diversas ocasións, adianta o equipo.

“Trátase dun antigo barrio da actual localidade de Lardeira que, aínda que está documentado desde o século XVI, “desapareceu” no século XIX, como xa estudou Isidro García Tato. Localizar e analizar este sitio permitiranos entender como era a economía deste período así como a historia dos montes comunais que sabemos estaban asociadas a este pobo durante a súa existencia. É unha oportunidade única para poder contrastar o que din as fontes escritas e o que se pode saber desde a arqueoloxía”, afirma Tejerizo.

Estes traballos arqueolóxicos forman parte do proxecto INPACT, financiado pola Comisión Europea e xestionado pola Universidade de Xénova coa colaboración da Comunidade de Montes de Casaio e Lardeira e cuxo obxectivo é analizar o impacto da industrialización nas paisaxes e as sociedades en época moderna e contemporánea no noroeste industrial.

Artigos relacionados

Back to top button