SanidadeÚltima hora

A hixiene de mans, un xesto que salva vidas

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco súmase neste 5 de maio a celebración do Día Mundial de Hixiene de Mans

 

Neste 5 de maio a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco vén de sumarse, un ano máis, á Organización Mundial da Saúde (OMS) na conmemoración do Día Mundial de Hixiene de Mans, un xesto sinxelo, rápido que salva miles de vidas e a pandemia ten convertido xa nalgo cotiá para o conxunto da poboación.

No sector saúde, a hixiene de mans protexe, a profesionais e pacientes, fronte ás infeccións asociadas á asistencia sanitaria e prevé a diseminación de microorganismos multirresistentes, de aí a relevancia de lembrar de ano en ano, moi especialmente ao persoal sanitario, a importancia de realizala no momento axeitado e coa técnica axeitada.

Neste ano, e desde o inicio da pandemia causada polo SARS-CoV-2, a hixiene das mans adquiriu a visibilidade que a súa importancia como medida preventiva merece e ferramenta de prevención esencial fronte a este e outros virus.

Pese a cotidianidade e a súa reiterada práctica ao longo da xornada laboral de calquera profesional sanitario, e agora tamén da poboación en xeral, é preciso insistir na importancia de cando e como facelo, para que sexa verdadeiramente efectivo.

Actividades

No Hospital Público de Valdeorras coincidindo coa convocatoria de vacinación, a enfermeira do Servizo de Medicina Preventiva, xunto con alumnos e alumnas (Enfermería e Técnico Superior en Imaxe para o Diagnóstico) orientaron ás persoas que acudiron a vacinarse sobre a técnica axeitada.

No Hospital Universitario de Ourense o persoal do servizo de Medicina Preventiva e da Unidade de Calidade realizaron un obradoiro entre os nenos e nenas ingresadas en Pediatría. Tamén hoxe, o Servizo de Medicina Preventiva ofreceu información especializada ao persoal sanitario das plantas e as unidades especiais.

As luvas só cando son precisas

Para os profesionais é imprescindible efectuar a hixiene das mans cunha técnica correcta, nos momentos axeitados (os 5 momentos: antes de tocar o paciente ou realizar unha tarefa aséptica e despois do risco de exposición a fluídos corporais, de tocar ao paciente ou tocar obxectos do entorno do paciente) e restrinxir o uso de luvas só para aquelas tarefas nas que son imprescindibles, cambiándoas segundo as pautas establecidas e lembrando que o seu emprego nunca substitúe a unha adecuada hixiene das mans.

Isto tamén é útil para a poboación xeral, especialmente aqueles que coidan en casa dunha persoa enferma, convalecente dunha intervención, ou fráxil. Contribuíndo así a manter unhas medidas de hixiene preventivas e de control das infeccións.

 

 

A OMS lembra tamén este ano que as luvas, por si mesmas non son “hixiene de mans” e teñen pouca efectividade se non se acompañan dunha axeitada hixiene de mans, antes e despois de usalas, para desbotalas no lixo, xa que a súa hixienización non está garantida nin con auga e xabón nin con xel hidroalcólico, que as degrada.

Xunto a todo elo, a pandemia leva parello un enorme incremento a nivel mundial do emprego de luvas, por parte do sector sanitario, polo que usalas cando non procede ou, o que é peor, desbotalas fora do lixo, só contribuira a degradar o ecosistema, xa que non son biodegradables.

A modo de exemplo tan só nos cribados poboacionais realizados nos tres primeiros meses deste ano pola Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras consumíronse 116.239 luvas de nitrilo. Mais chamativo ainda é o consumo cada mes do conxunto de centros sanitarios públicos da provincia: 1.859.827 luvas.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button