DeportesÚltima hora

A I Andaina e Trail de Larouco rematará o 2 de novembro cun magosto

Trátase de dúas probas non competitivas que buscan dar a coñecer as paisaxes deste municipio valdeorrés

 

Deporte, tradición e festa fúndense nunha singular proposta que organizará o vindeiro 2 de novembro o Concello de Larouco. Trátase dunha andaina de 9 km e dun trail popular de 10 km, ambos non competitivos, co que se pretende dar a coñecer o patrimonio natural deste municipio valdeorrés.

A xornada comezará ás 16.00 horas e a saída das probas será ás 16.30 horas desde a praza do Concello de Larouco. Durante o magosto, a música correrá a cargo do grupo “Os Bertolini”. A presentación desta iniciativa deportiva tiña lugar este 29 de outubro no Pazo Provincial coa asistencia do asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; da alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela; e do director de proxectos de Zona 360 Valdeorras, David Álvarez.

“Ata o momento contamos con máis de 70 inscritos, pero os interesados en participar aínda poden anotarse ata o 31 de outubro a través da páxina web avaibooksports”, dixo David Álvarez. As inscricións tamén poderán realizarse presencialmente en Zona 360, Trisport O Barco, Fisioval, Trisport A Rúa, e no Concello de Larouco ata esa data. O custe da inscrición é de 10 euros para andaina, 12 euros para o trail e de balde para os menores de 12 anos.

Pola súa parte, a alcaldesa de Larouco dixo que se trata “dunha festa do deporte en Valdeorras que busca dinamizar e dar a coñecer as paisaxes e os montes do noso municipio”. E engadiu que esta iniciativa “desenvolvémola por primeira vez e en horario de tarde para que a xente poida gozar dunha xornada festiva en familia”.

A Deputación de Ourense colabora con esta proposta deportiva que ten a peculiaridade de que ao remate da andaina e do trail, “haberá un magosto con castañas e bolos preñados para tódolos asistentes e como coincide con Halloween, tamén se premiará ao mellor disfraz”, salientou o asesor de Deportes da Deputación.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button