En portadaGalerías de fotosSanidadeÚltima hora

A I Carreira e Andaina das Cidades contra o Cancro de Páncreas de Vilamartín recauda 12.000 euros

A organización desta exitosa proba solidaria vén de entregarlle á presidenta da Acanpan a recaudación no Hospital Comarcal Valdeorras. A cita lograba reunir a uns 1.100 participantes, unha cifra similar á carreira realizada en Milán

Na súa primeira edición, celebrada o pasado 25 de novembro, a I Carreira e Andaina das Cidades contra o Cancro de Páncreas de Vilamartín desbordaba todas as expectativas e lograba reunir a uns 1.100 participantes. O recaudado nesta primeira edición ascende a uns 12.000 euros, cantidade que a organización lle entregaba na mañá do 30 de marzo á Asociación de Cancro de Páncreas (Acanpan). Este diñeiro vai ir destinado integramente a becas para a investigación desta enfermidade.

No acto contábase coa presenza de Belén Gómez, Patricia González e Eva Iglesias (organizadoras locais da carreira), da presidenta nacional de Acanpan, Cristina Sandín; da doutora María Francisco, dixestóloga e responsable da Unidade de Páncreas no Servizo Dixestivo do Hospital Universitario de Ourense; e de Margarita Rodríguez, subdirectora de xestión do HCV.

A presidenta de Acanpan destacaba o entusiasmo, esforzo e traballo da organización que lograba montar nun tempo récord, apenas dous meses, a primeira carreira deste tipo que se organiza en Galicia. Tamén explicaba que o cento por cento do recaudado vai destinado a investigación e, en concreto, á 4ª Beca Carmen Delgado/Miguel Pérez-Mateo, que nesta ocasión conta cunha convocatoria de dúas becas de 77.000 euros cada unha, destinadas á investigación clínica e básica do cancro de páncreas.

Tamén interviñán no acto as tres organizadoras que se decidían a impulsar un proxecto deste tipo tras a recente perda dun familiar por cancro de páncreas. “Foi como unha terapia”, destacaban. Ademais agradecían o apoio de todas as persoas e entidades que colaboraron coa organización, entre elas a Delegación Valdeorresa da Federación Galega de Atlestismo (FGA) e o Club Peña Trevinca, así como a gran implicación social. Tamén adiantaban que xa están preparando a segunda edición desta proba para a que barallan a data do 24 de novembro e na que haberá cambios no percorrido.

Finalmente, a doutora María Francisco destacaba o gran éxito desta iniciativa solidaria e a resposta social e dos empresarios de Valdeorras ante a mesma. “Houbo máis recaudación que participantes, ademais moitos comercios fixeron doazóns e esta mostra de solidariedade hai que recoñecerla”. Incidiu así mesmo na importancia da investigación para facerlle fronte ao cancro de páncreas. Nese senso lembraba que o adenocarcinoma de páncreas é o oitavo tumor en frecuencia de diagnóstico en España, sen embargo está entre os que teñen peor prognóstico xa que só o 5-7% dos pacientes sobrevive a el aos cinco anos do diagnóstico.

Fotos: A.R.

Máis información:
http://carreracancerpancreas.es

Artigos relacionados

Back to top button