CD TrivesDeportesEn portadaFútbolGalerías de fotosÚltima horaVídeos

A I Xuntanza do CD Trives supera expectativas reunindo a 110 xogadores e directivos que pasaron polo club

Ademais de punto de encontro de vellos amigos e compañeiros de equipo, a reunión serviu para demandar un campo de herba artificial

 

No ano 1977 e no seo do Club Naútico, asociación adicada ao ocio e ao deporte, nacía o primeiro equipo de fútbol na Pobra de Trives, do que dous anos máis tarde xurdiría o actual Club Deportivo Trives. Máis de corenta anos nos que pasaron polo club centos de xogadores e directivos que foron deixando a súa pegada sobre o céspede do Campo do Agro.

 

 

 

Xente de diferentes partes da comarca trivesa e tamén de Valdeorras, que nalgúns casos non se volveran ver, ata hoxe. A deste sábado 28 de maio foi unha xornada de reencontro en Trives. O campo de fútbol que tantos partidos acolleu ao longo dos últimos 45 anos, acollía hoxe a I Xuntanza do CD Trives que superou todas as expectativas do club. “Con 40-50 persoas xa tería sido un éxito pero finalmente reunímonos 110”, di o tesoureiro do club trivés, Fermín Santoveña.

 

 

El mesmo explica que para a ocasión organizaron unha serie de partidos (para quen se sentise en condicións) duns 20 minutos de duración, entre os catro equipos formados: Náutico-Trivesiño; CD Trives- O Agro; Náutico-O Agro; e CD Trives-Trivesiño. Tralos partidos, que contaban co saque de honra da alcaldesa, Patricia Domínguez, facíanse as fotos de familia para o recordo (no campo e na bancada) e descubríase unha placa conmemorativa “en recordo de todos os que formaron parte do Club Náutico e do C. D. Trives e en especial polos que xa non están connosco”, coa data de hoxe na parede á entrada dos vestiarios. Os encargados de quitar a bandeira do Trives que cubría a placa eran os dous ex presidentes presentes máis antigos, Luis Álvarez e Francisco del Río. Tamén estaban Agustín Rodríguez, Raúl Carballo e Javier Carballo (Pali), o actual presidente.

 

 

 

Este acto, no que Fermín Santoveña falou en nome da actual directiva do Trives, servía para dar paso ao xantar, servido nunha carpa instalada no propio campo.

Foi pois unha animada e emotiva xornada de reencontros, de conversas, anécdotas e como non, fútbol, que de seguro repetirán. “Á parte dos que viñeron, había moitos que estaban apuntados e por diferentes circunstancias non puderon vir e nas conversas do xantar todos coincidían en que isto non se podía perder e habería que repetilo, algúns incluso se despedían ata o ano que vén”, asegura Fermín, recoñecendo que esta xuntanza de antigos xogadores serviu tamén para “demandar un campo de herba artificial”, di.

 

 

De feito, da hipotética despedida do campo do Agro tal como está hoxe, nacía a idea deste acto. Segundo explica Fermín, levan xa tempo detrás dun campo de herba artificial porque “co campo nestas circunstancias ter aos nenos na escola coa que contamos agora é inviable porque non está en condicións para poder ensinar aos nenos a xogar ao fútbol”, di puntualizando que alá polo mes de febreiro comezaron a contactar coa Xunta e coa Deputación para facer o campo de herba artificial en Trives. “Todo eran moi boas palabras pero en abril,  se tiña que asinar o convenio atopámonos coa sorpresa de que nese momento a Xunta non tiña partida para asinar o devandito convenio, pero nós seguiremos pelexando para conseguilo”, asegura, explicando que como a xente contaba con que se ía facer, a dous antigos compañeiros do club (Diego G. Sarabia e Sergio de Prado) ocorreuselles xogar un partido con toda a xente que xogou no Trives ao longo da súa historia antes de que se desfixese o campo actual.

 

 

Fose cal fose o motivo inicial da xuntaza, o resultado foi todo un éxito e serviu para pasar unha xornada entretida á par que emotiva, sentando as  bases de futuros encontros.

 

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button