CulturaCulturaÚltima hora

A ICC Week 2021, que chegará nesta edición á Rúa, celebrarase do 13 ao 17 de outubro

A Semana das Industrias Culturais contará con actividades espalladas por diversos puntos da provincia

 

“Ourense vaise converter a próxima semana na capital da vangarda, da innovación e da creatividade, pero non só en España, onde temos ganado a pulso este protagonismo, senón tamén a nivel internacional polo interese suscitado entre diferentes prescritores de opinión”, aseguraba este xoves o presidente da Deputación, Manuel Baltar, durante a presentación no Pazo Provincial da ICC Week 2021, que do 13 ao 17 de outubro poñerá o foco en sectores como a publicidade, a literatura, a música, a interpretación ou a xestión cultural.

Acompañado polo director técnico e asesor de Cultura, Aurelio Gómez Villar, e o director artístico, Juan Rivas, Manuel Baltar definiu a programación da sétima edición da ICC Week como “unha sacudida creativa que vai responder con nota ás expectativas que vimos xerando ano tras ano”, sinalando de modo especial dúas citas pola súa importancia para a provincia. Por unha banda, “a inmersión nas últimas innovacións tecnolóxicas coa participación de Carlos Grau, CEO da Mobile World Capital Barcelona, que xunto coa Deputación de Ourense e a asociación Red Mundo Atlántico organizan a Mobile Week Ourense do 19 ao 23 de novembro. E, ademais, “a atención a un dos produtos do que somos escaparate e que conforma a nosa alma, como é o viño”, do que falarán o director xeral de contidos de Mediaset España Manuel Villanueva, María Ritter, directora da Guía Repsol, e Manuel Juliá, director de Fenavin, unha das feiras enolóxicas máis importantes de Europa.

Juan Rivas detallou os contidos que se desenvolverán ao longo de cinco días, actividades que xunto aos escenarios habituais, apuntou Aurelio Gómez Villar, tamén se celebrarán en localidades como Muíños e A Rúa.

A Semana das Industrias Culturais e Creativas, organizada pola Deputación de Ourense, marcará un novo punto de encontro para persoas expertas, emprendedoras e profesionais da creatividade, recuperando as actividades presenciais e con público despois da singular edición do ano pasado. O sector audiovisual e a publicidade serán os protagonistas da xornada inaugural da ICC Week, o día 13, que arrancará cun dos mais importantes publicistas, Toni Segarra. De industria e talento falarán dúas ourensás que comparten paixón polo seu traballo, a representante e produtora Helena Freijedo e a actriz Sara Casasnovas.

A ICC Week aspira a espallar as súas actividades por toda a provincia, e Muíños onde se atopa o Dolmen da Casiña da Moura, protagonista do cartel oficial desta edición, acollerá parte da programación. Nese emprazamento, tres expertos como Julen Martín de BIME, Miguel Astorga organizador da Monkey Weekend, e Manuel Mejide, responsable de Mundos Digitales, debaterán sobre como se pode engadir valor a través dos eventos culturais a un territorio, nunha charla programada para o xoves 14. Todos eles teñen dilatada experiencia na organización de actividades culturais e de novas tecnoloxías.

Espazo para a literatura

Tamén haberá un importante espazo para a literatura coa presenza do escritor Juan Manuel de Prada, quen dará unha charla o sábado na que analizará o lugar actual dos escritores nos medios de comunicación. O escritor e crítico musical Victor Lenore compartirá as súas reflexións sobre a industria o xoves 14 de outubro, seguido dun espectáculo que mestura poesía e música e que traen ata Ourense Ajo micropoetisa e Nacho Mastretta. A xornada do xoves rematará coa presentación do libro-disco ‘Muerde aquel verso’ de Le Voyeur.

Outro dos escenarios da ICC Week será o Parador de Santo Estevo, onde o venres 15 se presentará a Mobile Week Ourense con Carlos Grau, CEO de Mobile World Capital. Nesta mesma xornada tamén se falará de gastronomía cunha mesa redonda onde se analizará o papel dos medios na arte culinaria, coa participación de Manuel Villanueva, director xeral de contidos de Telecinco e Mediaset España, María Ritter, directora da Guía Repsol, e Manuel Juliá, escritor e fundador de Fenavin. Tamén para o venres está prevista a entrega de Premios Rodolfo Prada, dirixidos a profesionais da xestión cultural.

Dentro da programación musical, Santiago Auserón será un dos artistas destacados como un dos máis importantes compositores e músicos dos últimos 40 anos en España. O venres 15 de outubro subirá ao escenario do Teatro Principal dentro da súa xira ‘Cantos de Ultramar’, con Juan Perro & Sexteto. Santiago Auserón será tamén o invitado especial do Foro La Región & ICC Week, o sábado 16, cunha conversa onde amosará o seu perfil máis íntimo, presentando o seu libro El ritmo perdido. Coque Malla é outro dos nomes de referencia musical nesta edición, regresando aos escenarios coa súa banda cun concerto o día 16 no Auditorio Municipal.

Espectáculo de humor na Rúa

A ICC Week inclúe nesta edición un espectáculo de humor que levará ata A Rúa o venres 15 de outubro aos cómicos galegos Marta Doviro, Sergio Pazos e Oswaldo Digon. As entradas serán de balde e poderanse reservar na web woutick.com. A industria dos videoxogos e os e-sports teñen entidade propia nesta semana das industrias culturais, como vén sendo xa habitual nesta cita coas novas expresións culturais. Así, no marco da ICC Week celebraranse as finais dos torneos de FIFA e Fortnite o sábado 16 e o domingo 17 no Liceo de Ourense.

O acceso ás diferentes actividades será gratuíto, aínda que debido á situación actual os aforos son limitados, polo que será necesario reservar invitación para cada evento na web woutick.com

Artigos relacionados

Back to top button