OurenseÚltima hora

A II BTT de Boborás celebrarase o 23 de setembro a favor da AECC

A saída da proba deportiva está prevista para as 9:30h. dende o CEIP Nosa Señora de Xuvencos
Rosendo Fernández, Dora Gómez, Patricia Torres e Juan Anta, na presentación.

Deporte e solidariedade daranse a man na II edición da BTT de Boborás que se celebrará este domingo 23 de setembro a favor da Asociación Española Contra o Cancro. A proba deportiva conta cun percorrido de 40 quilómetros cunha dificultade técnica baixa e cunha esixencia física alta, con saída prevista para as 9:30 horas.

O día previo, o sábado 22 de setembro, celebrarase un mercadillo solidario a partires das 17 horas, a favor da Asociación Española Contra o Cancro, no que haberá actividades para os máis cativos e un bar solidario. Tanto a saída da proba coma o mercadillo terán lugar no CEIP Nosa Señora de Xuvencos.

Os interesados en participar na BTT poderán inscribirse na web www.championchipnorte.com, por un custe de 15 euros, sendo a metade da cota destinada para AECC de Ourense. “O ano pasado participaron algo máis de cen persoas, e por agora, nesta edición, están inscritos 70 participantes”, sinalou a concelleira de Cultura, Turismo e Deporte de Boborás, Patricia Torres quen lembrou que ademais dos ciclistas, “todo o mundo pode colaborar coa AECC de Ourense no mercadillo solidario que destinará o recadado para esta asociación”.

A presentación da carreira contou ademais coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; do deputado provincial de Deportes, Juan Anta; e da presidenta da AECC de Ourense, Dora Gómez.

Artigos relacionados

Back to top button