Galerías de fotosSanidadeÚltima hora

A II Carreira das Cidades contra o Cantro de Páncreas de Vilamartín, presente na 33ª Milla do Barco

Os corredores absolutos da proba e a organización amosaban o seu apoio a esta cita solidaria vestindo a súa camiseta

A pé de circuíto da 33ª Milla Urbana do Barco, as organizadoras da II Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas de Vilamartín contaban cunha mesa na que se abrían as inscricións para esta cita deportiva e solidaria que se celebrará o vindeiro 24 de novembro.

Numerosas persoas achegábanse ata alí para informarse e para anotarse xa presencialmente (en total unhas 40) nesta proba que na súa segunda edición contará con catro modalidades diferentes: carreira (12 km), andaina pro (12 km), andaina light (4,5 km) e modalidade BTT (32 km).

A partires de mañá 16 de setembro (pola tarde) e ata o 19 de novembro tamén se poderán realizar inscricións a través da plataforma www.carreirasgalegas.com, páxina da Federación Galega de Atletismo. “Con este amplo prazo na modalidade online queremos favorecer a realización de forma telemática das inscricións para poder contar en tempo real con información de corredores, andaríns, ciclistas e nenos para dese xeito avanzar cos preparativos de forma gradual e ordenada en función do volume de participantes esperados”, indican dende a organización. Tamén dende mañá poderá realizarse a contribución á fila cero.

Por outra banda, a partires do 21 de outubro será posible anotarse na proba de forma presencial en locais do Barco, Trives, A Rúa, Rubiá e Vilamartín. Se ben para a modalidade de BTT só será posible a inscrición online.

O prezo das inscricións será o mesmo que na pasada edición: 10 euros para os adultos (carreira e andaina), 5 euros para os nenos que fagan a andaina e 15 euros para os participantes na BTT. “O importe íntegro das inscricións será doado á Asociación ACANPAN (Asociación Cancro de Páncreas) para destinalo ao financiamento das becas Carmen Delgado/ Miguel-Mateo dedicadas a estudos relacionados coa investigación na diagnose e/ou tratamento do adenocarcinoma de páncreas”, tal e como indica a organización.

Por outra banda, tanto a organización da 33ª Milla Urbana do Barco como os atletas das categorías absoluta masculina e feminina amosaban o seu apoio á Carreira das Cidades de Vilamartín vestindo a camiseta na volta de presentación previa á competición.

Fotos: A.R./ Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button