DeportesÚltima hora

A II Gran Festa do Fútbol organizada entre 6 colectivos e os concellos de Trives, Río e Manzaneda quenta motores

SD Eibar, Rayo Vallecano, Athletic de Bilbao e Estación de Montaña Manzaneda son algúns dos novos colaboradores desta II Gran Festa do Fútbol, que pretende superar os rexistros de asistencia e recollida de alimentos do primeiro ano
Camiseta oficial e pósters doados polo SD Eibar para este torneo solidario das Terras de Trives./ Foto: AC RíoMola.

 

Despois da gran acollida da primeira edición da Gran Festa do Fútbol (organizada en San Xoán de Río pola AC RíoMola), onde se recadou media tonelada de alimentos, neste Nadal, a unión de 6 colectivos (AC RíoMola, Sporting de Manzaneda, AC A Rebusca, CD Trives, Club de Montaña Trives e Disco/Pub Curvi) e dos concellos de San Xoán de Río, Manzaneda e A Pobra de Trives prometen unha II Gran Festa do Fútbol para superar as cifras do ano pasado. Nese domingo, xogaranse as finais do Torneo Solidario de Nadal Trives-Río-Manzaneda e diversos partidos aínda por confirmar. Terá lugar no polideportivo da Pobra de Trives o domingo 30 de Decembro e cada espectador deberá entregar polo menos 1kg de alimentos non perecedeiros para acceder o recinto.

Para animar a asistencia o pavillón, a organización sorteará entre os asistentes os agasallos doados polos colaboradores. Repiten varios dos colaboradores do ano pasado, coma o Deportivo da Coruña, que regalou para este ano 2 packs de 2 entradas para calquera dos partidos en Riazor desta tempada. FC Barcelona, Celta de Vigo e CD Lugo, colaboradores o ano pasado, aínda non confirmaron as donacións deste ano.

Por outra banda, novos equipos de primeira división sumáronse a esta colaboración. A SD Eibar enviou unha camiseta oficial e pósters do equipo, o Rayo Vallecano mandou tamén unha camiseta asinada por todos os seus xogadores. O Athletic de Bilbao colabora enviando pósters e diverso material do clube. Por outra banda, a Estación de Montaña Manzaneda (ademais de doar 20 quilogramos de alimentos non perecedeiros para esta campaña) sorteará entre os asistentes 10 forfaits de 1 día para que os premiados poidan desfrutar da única estación de deporte de inverno de Galicia.

Tamén serán colaboradores este ano o Real Madrid e o Atlético de Madrid, mais aínda non confirmaron os agasallos que enviarán para sortear. Diversas empresas e colectivos da provincia tamén colaborarán donando agasallos para sortear entre os asistentes.

A vindeira semana, a organización presentará oficialmente a II Gran Festa do Fútbol cos horarios dos partidos a disputar e todos os agasallos que se sortearán entre os asistentes. Dende a organización tamén lembran que “que todos os alimentos recollidos nesta Gran Festa do Fútbol serán entregados as familias con dificultades económicas dos 3 concellos con prioridade para as que teñan nenos, para que este ano o inverno sexa menos crudo para eles”.

Artigos relacionados

Back to top button