DeportesÚltima hora

A III edición da BTT Trevinca ofrece dúas posibles rutas polo municipio da Veiga

A proba de ciclismo de montaña celebrarase o vindeiro domingo 29 de setembro

Rosendo Fernández, Juan Anta e David Álvarez, na presentación da proba.

 

Dúas rutas, unha de 32 e outra de 60 quilómetros. Son as posibilidades que ofrece a terceira edición da BTT Trevinca que se celebrará o domingo día 29 de setembro no concello da Veiga. A presentación tiña lugar na mañá do 20 de setembro no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde da Veiga, Juan Anta; e o presidente de Movents Sports, David Álvarez.

A proba terá a saída e a chegada na Veiga. O percorrido da ruta curta de 32 quilómetros que pasará por Baños, Xares, Seoane, Valdín e Corzos; e o da ruta longa, cun percorrido de 60 quilómetros, pasará polas mesmas localidades pero despois de Corzos irá a Santa Cristina, Prada, Candeda, Castromarigo e Casdenodres. “A BTT vai a transcorrer por pobos preciosos que teñen unha arquitectura que é todo un referente, polos picos máis altos de Galicia e polo lado do Observatorio para que a xente xa vexa toda a estrutura que está rematada e que a inicios do vindeiro ano comezará a súa actividade”, explicou Juan Anta.

David Álvarez dixo que a gran novidade pola que apostaron é que se trata da “primeira proba na provincia de Ourense que vai a ser marcada con GPS, medida coa que ganamos en seguridade e reafirmamos o noso compromiso co medio ambiente e o respecto ao entorno”. Asemade, o presidente de Movents Sports sinalou que a peculiaridade desta edición é que “contaremos co galego Brandan Márquez Fernández, actual campión de Iron Bike Italia, a proba de MTB máis dura e extrema do mundo”. Rosendo Fernández pola súa banda dixo que esta proba, que pretende converterse nun referente na competición do ciclismo de montaña, pon en valor “o noso territorio e contribúe a dinamizar o rural, cun evento que aglutina turismo, deporte e natureza”.

Os interesados en participar na BTT Trevinca poderán anotarse na proba por 25 euros, excepto as 50 primeiras inscricións que teñen un custe de 18 euros, ata cubrir as 300 prazas ofertadas. A entrega de dorsais será na praza do Concello ás 8:30 horas e a saída da proba será ás 9:30.

 

Artigos relacionados

Back to top button