ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A III edición do FIC Vía XIV de Verín baixa o pano tras unha semana de proxeccións

La poesía solo muere cuando termina, dirixida pola verinesa Adelaida Lamas, foi a gañadora do Premio Especial do Público

Cunha gala de clausura en clave de humor, emotiva e cargada de música e sorpresas, a III edición do Festival Internacional de Curtas Vía XIV de Verín baixaba o pano. Facíao na noite do 8 de decembro no Auditorio Municipal coa presenza de representantes de diferentes sectores (política, Administración, comercio, cultura,…).

O acto, conducido pola presentadora de televisión Nieves Rodríguez e a actriz ourensá Ledicia Sola, arrancaba con música a cargo do cuarteto feminino Broken Peach, encargado de amenizar toda a cerimonia cun repertorio de bandas sonoras. A partires de aí, ao longo de máis dunha hora e media, houbo tempo para o humor da man das presentadoras, e por suposto para os agradecementos por parte dunha emocionada Emilia Somoza, concelleira de Cultura e coordinadora xeral do festival, e tamén para o recoñecemento e a satisfacción por parte do tenente alcalde Diego Lourenzo, quen afirmou en representación co Concello que esta gala é “unha celebración do cinema e unha celebración da cultura”. En referencia á vila, indica que “somos un pobo que non só ama as artes, senón que fai destas un dos seus principais alimentos para seguirmos camiñando e construíndo”. O FIC sitúa a Verín como “un epicentro de cine e cultura”, demostrando, unha vez máis, “que somos unha vila chea de vida”.

No decurso do certame tamén falou o seu director Carlos Montero, quen cifrou en “arredor de 3.000” as persoas que asistiron e participaron no festival e nas actividades paralelas ao longo de toda a semana, asegurando que desde a organización tentaron “involucrar aos principais axentes socioeconómicos da comarca na engranaxe do festival”, algo que conseguiron, incorporando ao proxecto ao Consello Regulador da DO Monterreie e a asociación de empresarios, entre outros. Como non podía ser doutro xeito, Montero remataba agradecendo a todo o equipo “o seu traballo, esforzo e implicación e as horas dedicadas en prol do bo funcionamento deste festival”, sen esquecer aos voluntarios.

Con todo, os protagonistas da noite eran os premiados e o homenaxeado. Á gala de clausura asitía tamén o actor Antonio Durán “Morris”, ao que a organización do FIC Vía XIV lle entregaba unha careta de Cigarrón, despois de ter proxectado varias obras nas que ten participado tales como a curta Unary, que foi o filme inaugural do festival, ou as longametraxes Dhogs e A estación violenta, destacando a longa e destacada traxectoria do actor vigués no mundo do cine e da televisión galega e nacional.

Con respecto aos premiados, eran dados a coñecer polos membros do xurado formado por Nora Sola, Rafael Cid, Alberto Rolán, Miguel Ribeiro e Ana Gontad. La poesía solo muere cuando termina, dirixida pola verinesa Adelaida Lamas, acadaba o Premio Especial do Público patrocinado polo CRDO Monterrei; Judgment, de Filipinas, dirixida por Raymund Ribay, o premio do Xurado á Mellor Curtametraxe da Categoría Oficial  Nova; Our Song to War, coprodución de Bélxica e Colombia dirixida por Juanita Onzaga, o premio do Xurado á Mellor Curtametraxe da Categoría Oficial  Outra Mirada; Bacha Posh, cinta alemana dirixida por Yalda Afsaf e Ginan Seidl, o premio do Xurado á Mellor Curtametraxe da Categoría Oficial  Horizontes; Pele de Luz, curta portuguesa do autor André Guimar, premio do Xurado á Mellor Curtametraxe da Categoría Oficial A Raia. Ademais entregábase o Premio Camira da Crítica a Veslemoy,s song, curta de Canadá dirixida por Sophia Bohdanowizc, e a mención especial do xurado a Fauve, curta de Canadá dirixida por Jeremi Conde.

Dada a internacionalización desta edición, os gañadores atopábanse moi lonxe e unicamente asistía un a recoller as estatuíñas, o de Pele de Luz, curta portuguesa do autor André Guimar, Mellor Curta da Categoría A Raia. O resto enviaron os seus vídeos agradecendo o premio e felicitando á organización polo festtival, compartido con todos os premiados o desexo de que teña continuidade no tempo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button