ConcellosEn portadaSan Xoán de RíoÚltima hora

A iniciativa de Río de crear un centro de teletraballo, nun xornal dos Países Baixos

A aposta dun concello do rural galego pola tecnoloxía para loitar contra a despoboación en medio da crise do Covid chama a atención da prensa internacional

Reportaxe a dobre páxina publicada no xornal Nederlands Dagblad.

 

Neste outono San Xoán de Río aparecía na portada dun xornal dos Países Baixos, o Nederlands Dagblad. “Como un alcalde español quere salvar a Galicia baleira co teletraballo” é o título dunha ampla reportaxe que relata como este concello galego convertía a crise do Covid nunha oportunidade para o rural, tras crear un Centro de Teletraballo cunha conexión de alta velocidade a través de fibra óptica. Vía nas novas tecnoloxías un xeito de loitar contra a despoboación.

“Este é o primeiro e único lugar en España onde pode traballar a distancia de forma gratuíta. E tamén cunha conexión rápida a Internet, unha característica única neste tipo de zonas rurais pouco poboadas. Quen queira seguir traballando despois da hora de peche, simplemente recibirá a chave. Devólvaa mañá a tempo”, tal e como recolle a reportaxe, asinada Lex Rietman, correspondente en España e Portugal do citado periódico que reside en Barcelona.

Nela o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez, conta como naceu a idea de crear este centro, e tamén se recolle a experiencia dos seus satisfeitos usuarios, entre eles Benjamín Rodríguez, un especialista en impostos de 33 anos que se trasladou de Madrid a Holanda, e que, tras a crise do Covid, teletraballa dende Río.

“O da despoboación é tema bastante universal, xa o teño tratado en máis ocasións para outros medios como a radio pública, e que xera interese nos Países Baixos, quizais porque é un país bastante cheo”, conta o autor da reportaxe, casado cunha galega con orixes na aldea de Acevido (San Xoán de Río). “Acostumo pasar unha semana no verán en Galicia e intento aproveitar a viaxe para facer reportaxes na zona, documéntome e busco o que lle pode chamar a atención a un lector dos Países Baixos”, explica.

Portada do xornal do destacado da información sobre San Xoán de Río.

 

 

“Neste caso”, engade, “vin que a cuestión do teletraballo e da rede 5G era algo chamativo. Acostuma asociarse as aldeas despoboadas cun atraso tecnolóxico, entón esta iniciativa parecíame un exemplo que podía chamar a atención e así foi. Un dos medios nos que traballo estaban interesado e fíxeno”.

Non é a primeira vez que nos seus artigos na prensa internacional se tocan temas da provincia de Ourense. “Xa teño feito información sobre a mina de coltan en Viana e sobre a que queren abrir en Beariz, onde hai oposición cidadá. Hai bastantes neerlandeses que teñen interese por países como España”, comenta.

Ademais nas súas reportaxes este xornalista tamén busca, dende hai anos, que os seus lectores descubran a diversidade do Estado español. “Sempre presto atención ás características propias de cada zona do país”, conclúe.

 

Artigos relacionados

Back to top button