PolíticaÚltima hora

A iniciativa parlamentaria socialista para manter as dúas prazas de médico no Centro de Saúde de Rubiá, rexeitada

Esta proposición non de lei, que defendía a deputada ourensá do PSdeG Noela Blanco, non saía adiante ao non lograr o apoio do PP na Comisión de Sanidade do Parlamento galego

 

A deputada socialista Noela Blanco, defendendo a proposición non de lei na Comisión de Sanidade do Parlamento galego.

A través dunha proposición non de lei presentada na Comisión de Sanidade do Parlamento galego do 17 de outubro a deputada socialista ourensá Noela Blanco pedía o mantemento das dúas prazas de médico no Centro de Saúde de Rubiá. “Nel traballaban ata o de agora dous médicos, trala xubilación dun deles no mes de agosto, a Xunta decidiu que a partires dese momento soamente preste este servizo unha persoa, amortizando a outra praza, o que xerará unha perda de calidade no servizo, provocada por unha sobrecarga de traballo, e merma na atención aos pacientes polo xustificado número de citas, extracción para analíticas, urxencias en horario de mañá, e atención domiciliaria nun concello cunha elevada dispersión da poboación que segundo datos do IGE do ano 2017 contaba con 1.462 habitantes, o 41% dos cales teñen máis de 65 anos”, tal e como sinalaba Blanco na exposición da iniciativa.

Ademais a deputada referíase ás dificultades nos desprazamentos, tendo en conta o grao de envellecemento da poboación e a súa dispersión, as carencias no transporte público e o estado no que se atopa a estrada N-120, “un camiño perigoso e tortuoso”. De aí, dicía, a importancia do “fortalecemento do servizo de Atención Primaria, que ten unha función fundamental en termos de infraestruturas e de persoal”, asegurando que “é inaceptable a amortización desta praza, hai que mudar esta situación”. A desaparición deste médico, continuaba, fai que “a atención sanitaria sexa a todas luces insuficiente para cubrir as necesidades dun sistema que precisa dunha dispersión notoria e unha forte implantación no territorio”.

 

A parlamentaria do BNG Montse Prado.

 

O turno de intervención dos outros grupos parlamentarios da comisión iniciábao Montse Prado do BNG, quen anunciaba o seu voto favorable á proposición e sinalaba que este tipo de medidas do goberno galego “afectan á poboación concreta de zonas rurais ou semi-rurais como é o caso de Rubiá, que é un claro exemplo do que está a pasar no resto do país, pero en especial en comarcas cunha poboación dispersa, cun déficit de infraestruturas viarias e de servizos como Valdeorras”.

 

Eva Solla, deputada no Parlamento galego de En Marea.

Dun xeito semellante maniféstase Eva Solla, do grupo parlamentario En Marea, que tamén apoiou a iniciativa; facendo fincapé en que “a redución de servizos no rural é un elemento de incidencia clave no despoboamento dese rural” e defendendo unha “atención primaria accesible e cercana á poboación, máis próxima e máis rápida”.

Despois tomaba a palabra a representante do grupo do PP, Encarna Amigo, indicando que concordaba coa “primeira parte da exposición de motivos” da proposición non de lei “sobre a importancia da Atención Primaria”. A partir de aí a parlamentaria popular botaba man dos datos do número total de tarxetas sanitarias de Rubiá, un total de 1.034  para asegurar que “a cota dos médicos de familia están en torno ás mil. O recurso é axeitado ás necesidades que neste momento ten o concello, que perdeu un 25% dos seus habitantes”. Tamén apuntaba que “a situación sociodemográfica actual obriga a cambiar os sitemas, hai que adaptar os recursos e os servizos ás estratexias adoptadas polo Sergas sen mermar a calidade”. Nese senso, mencionaba a incorporación das novas tecnoloxías, o uso de internet ou da teleasistencia.

 

A deputada do PP no Parlamento galego, Encarna Amigo, intervindo na Comisión de Sanidade.

 

No seu turno de réplica, a socialista Noela Blanco comentaba que “hai moitos veciños de Rubiá que teñen o seu médico no Barco, as cartillas están repartidas entre este concello e Rubiá” e aludíu ao “castigo que lle veñen infrinxindo ao rural, castigan en lugar de revitalizar, e así imos perdendo poboación ata converternos nun deserto demográficos. Falamos de persoas maiores que non teñen nin cobertura, nin acceso a internet, dunha residencia de ancianos… vaia alí e compróbeo. Están marxinando e illando a eses maiores”.

Finalmente, na votación a proposición non de lei socialista resultaba rexeitada polos sete votos en contra do PP fronte aos cinco favorables do partido socialista, do BNG e En Marea.

Artigos relacionados

Back to top button