SanidadeÚltima hora

A iniciativa “Salubrízate” aposta por implicar á veciñanza de Ourense nunha mellor saúde integral

Neste marco hoxe inaugurábase no Centro Cívico de A Ponte a exposición itinerante sobre "Coronavirus e Saúde"

 

O grupo de saúde comunitaria e envellecemento activo “Salubrízate”, da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras inauguraba hoxe no Centro Cívico de A Ponte a exposición itinerante sobre Coronavirus e Saúde.

A exposición informativa continuará, os próximos meses, nos centros cívicos de A Cuña, Colón, As Termas e Seixalvo, en paralelo ás actividades de difusión e saúde comunitaria deste grupo de traballo que conta co valor do coñecemento dos maiores e aposta polo empoderamento e o autocoidado.

Con esta iniciativa “Salubrízate” avanza na súa conexión cos barrios, comunidades definidas, cheas de vida e de “Activos”, persoas valoradas e recoñecidas como tales polos seus propios veciños, aos que que Salubrízate busca implicar nun obxectivo común de saúde integral.

“Os problemas que os médicos, enfermeiras, traballadores sociais… abordan na consulta son complexos e requiren abordaxes igualmente complexos”, di Mercedes Hernández, médico de familia no Centro de Saúde Novoa Santos, e promotora, xunto con Celsa Perdíz, traballadora Social neste mesmo centro, de Salubrízate.

“As problemáticas proceden de múltiples causas e requiren respostas multidisciplinares e intersectoriais, onde os servizos sanitarios son só unha parte da solución e a participación dos cidadáns é fundamental”, segundo explica Hernández.

Co “Salubrizate Itinerante”, engade Hernandez, “voltamos aos barrios, onde empezamos fai mais de tres anos, e onde deixamos de ser un grupo do Servizo de Atención Primaria Novoa Santos-O Couto para converternos nun grupo de atención comunitaria en toda a cidade”.

Pero Salubrízate é algo mais que unha iniciativa sanitaria, “visibilizamos malestares emocionais, promovemos a organización do barrio, os seus espazos veciñais e os seus activos”, prosegue Mercedes Hernández, “nós somos unha parte do grupo onde o gran potencial son os colaboradores, que pretende traballar as desigualdades e valorar os potenciais desta cidade”, continúa.

Precisamente unha destas colaboradoras, e activo importante en todo o proxecto, é Concha Martín, médica de Atención Primaria, xa xubilada e libre de horarios, pero que acumula todo o seu saber profesional e persoal en prol da comunidade, e que foi precisamente a encargada de presentar a exposición.

Artigos relacionados

Back to top button