EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

A Irmandade dos Vinhos Galegos e a Confraría do Vinho Verde reúnense no Barco

Esta xuntanza, que se facía coincidir co solsticio de verán, tiña lugar o 22 de xuño no Pazo do Castro

Membros da Irmandade dos Vinhos Galegos escollían Valdeorras, e máis en concreto o Pazo do Castro, para celebrar a súa reunión ou “capítulo corresponde ao solsticio de verán”  neste sábado 22 de xuño. Neste encontro tamén contaban coa participación de integrantes da Confraría do Vinho Verde (Portugal).

“A irmandade naceu co fin de defender, beber, distribuír e mellorar no posible os viños das cinco denominacións de orixe galegas. Reunímonos catro veces ao ano nos solsticios e nos equinoccios e procuramos celebrar as reunións en diferentes lugares de cada denominación. Valdeorras é unha D.O. importante e con viños magníficos, por iso consideramos interesante esta posibilidade de xuntarnos aquí e de beber os seus viños in situ, e mesmo de conectar coa D.O. Bierzo, xa que pretendemos nalgún momento poder ir alí a realizar algunha xuntanza”, aseguraba en declaracións ao Periódico O SIL Nemesio Barxa, presidente da Irmandade Galega dos Vinhos.

 

 

O presidente da irmandade, Nemesio Barxa.

 

 

Tamén destacaba o interese deste encontro o vicepresidente da Confraría do Vinho Verde, José Manuel Mendes, “é un pracer estar aquí probando estes excelentes viños”, dicía. Entre os convidados á reunión estaba o presidente do CRDO Valdeorras, José Luis García Pando, e a presidenta da D.O. Bierzo, Misericordia Bello.

O programa da xornada iniciábase ás 12h. coa cata comentada de tres viños brancos e outros tantos tintos, de Valdeorras, pero tamén doutras denominacións de orixe galegas, e mesmo algún do Bierzo. E isto seguido de petiscos. Ás 14:30h. na capela do Pazo tiña lugar a cerimonia de “entronización de novos irmandiños” e tamén se lle dedicaba unha lembranza aos irmandinhos falecidos, entre eles Joaquín Rebolledo e Horacio Fernández. E finalmente, arredor das tres, dábase paso ao xantar.

Fotos: Carlos G. Hervella.

José Barros, o único valdeorrés.

 

Artigos relacionados

Back to top button