DeportesÚltima hora

A IV Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas de Valdeorras xa ten datas

Contará cun formato similar ao da pasada edición, é dicir non será presencial, as súas diferentes modalidades da proba poderán realizarse na fin de semana do 27 e 28 de novembro

As promotoras da Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas en Valdeorras, nunha edición anterior./ Foto cedida.

 

A organización da Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas de Valdeorras quenta motores de cara á súa cuarta edición. Este evento solidario, que promove na comarca a asociación sen ánimo de lucro ACAPAVAL (Asociación de Cancro de Páncreas de Valdeorras), terá un formato similar ao do pasado ano, é dicir non será unha proba presencial, e o participante poderá elixir o horario no período establecido para a proba correndo, andando ou en bici: entre as 00h. do 27 de novembro e as 23:59h. do 28 de novembro.

“Ao non ser unha carreira presencial a persoa poderá elixir o percorrido que desexe”, din dende a organización, que, ademais recomenda “buscar un entorno natural e agradable para desfrutar do deporte, que o percorrido sexa o suficientemente amplo como para mandar distancia de seguridade con outros transeúntes ou evitar zonas con moito tránsito de vehículos”.

As inscricións abriranse en breve e poderán realizarse na Federación Galega de Atletismo (www.atletismo.gal), onde se habilitará un formulario de inscrición e pasarela de pagos. Ao inscribirse o participante poderá elixir a modalidade entre as seguintes propostas na edición do 2021: marcha camiñando (5 e 10 km), carreira (5 e 10 km), bicicleta de estrada /60 km), bicicleta de BTT (30 km) e cadeira de rodas (5, 10, 30 e 60 km). Ademais habilitarase a posibilidade de realizar doazóns a través da fila 0.

Esta carreira enmárcarse no proxecto da Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas que promove a nivel nacional a Asociación Cancro de Páncreas e a Asociación Española de Pancreatoloxía. O seu obxectivo é recadar fondos para a investigación desta enfermidade e realizar un labor divulgativo da mesma.

A carreira valdeorresa está impulsada por tres veciñas da comarca que hai tres anos decidían crear un proxecto solidario e deportivo para homenaxear a un familiar falecido por esa doenza e tamén para axudar a outras persoas que a sofren.

Artigos relacionados

Back to top button