ConcellosEn portadaÚltima hora

A IX Andaina de Manzaneda pasará polo campamento romano de Penedo dos Lobos

Esta actividade deportiva e solidaria, prevista para o 4 de novembro, contará tamén cunha proba de BTT e con outra de trail

 

Panorámica do campamento romano de Penedo dos Lobos./ Foto:romanarmy.eu

 

Deporte, natureza, montaña, patrimonio e arqueoloxía mesturaranse no percorrido que nesta edición propón a IX Andaina de Manzaneda, cun percorrido circular, que se comezará o vindeiro domingo 4 de novembro ás 9h. dende o patio da escola desta vila. Ademais terá como complemento o II Trail, con saída ás 9:30h. dende ese mesmo lugar, e o III BTT que comezará as 10h.  Nesta edición esta cita será solidaria cos campamentos de refuxiados saharauis.

“Os percorridos da andaina e do trail serán os mesmos para os tramos curtos e longos. Na BTT haberá 3 percorridos un curto (27 km), outro medio (35 km) e un máis longo (45 km)”, segundo se adianta dende o Concello de Manzaneda, organizador desta actividade en colaboración coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil deste municipio, entre outras entidades.

Os traxectos da andaina e do trail pasarán polas “abas das serras de Manzaneda”, deixando atrás antes polo entorno do milenario Castiñeiro de Pombariños, e terán tamén “o seu paso polo medio do recentemente descuberto campamento romano do Penedo dos Lobos”, segundo adianta a organización.

 

 

No caso do percorrido da BTT, no que os participantes tamén se achegarán ao Castiñeiro de Pombariños, irase despois cara os lugares de “Acevoso, Sobrado e Mendoia, do veciño concello da Pobra de Trives para logo volver ao municipio de Manzaneda, recalando en Langullo, Cimadevila de Langullo, Rebodepó, San Vicenzo, San Miguel, Requeixo, Tonxil, Borruga, San Pedro e finalmente a vila de Manzaneda”, citando á organización.

As persoas interesadas en participar nesta cita poderán inscribirse ata o 31 de outubro nas páxinas www.avaibooksports.com e www.concellodemanzaneda.gal. O donativo á participación é de 10 euros.

A finalización das tres probas está previsto para as 14:45h. no mesmo punto da saída. Ao longo do traxecto haberá puntos de avituallamento e controis de paso. Ao remate haberá un xantar popular para os participantes no polideportivo de Manzaneda, seguido dun sorteo de agasallos.

Artigos relacionados

Back to top button