CulturaCulturaOpiniónÚltima hora

A Lareira

Artigo de opinión escrito por Felipe Castro López no que aborda a "facultade de comunicarnos e de interactuar"

Lareira./ Foto: Felipe Castro López.

 

Nestes días de cautiverio, afloran moitas capacidades que parecían, en boa medida, ocultas ou esquecidas, podendo destacar de entre elas: a vontade de evasión, tanto física coma espiritual ou mental; o enxeño á hora de manexar o sentido do humor; a maña ou talento para desenvolver cousas e instrumentos de primeira necesidade, dende as máis sinxelas ata as máis complexas e tecnolóxicas; ou a xenerosidade e solidariedade para cos demáis.

Entre os outros que poidan faltar, quixera referirme a un dos que sempre foi básico e importante para poder relacionarnos en todos os sentidos: a facultade de comunicarnos e de interactuar.

Sendo certo que a capacidade de comunicarse non é exclusiva dos Homo sapiens, só a nosa especie posúe todas as destrezas posibles xuntas para facelo, sendo a linguaxe articulada ou fala un sistema único e específico de comunicárense os humanos e, como seres sociais que somos, temos a capacidade e a necesidade de facelo. Tamén a escrita é outra das facultades comunicativas e exclusivas que posuímos.

Co propósito de comunicarnos a través da fala, a maiores de por outros motivos, foi necesario que a xente se xuntase para facelo posible e, así, intercambiar impresións, anécdotas, peticións, inquedanzas, recordos, contos, saúdos, etc e, máis que nada, charlar, parolear, discutir e ata reñer.

Situados neste punto, teño que dicir que se foron achegando ás nosas maneiras de comunicarnos, outras técnicas e tecnoloxías que nos serviron para o mesmo propósito, pero que non precisaba obrigatoriamente da presencia simultánea de ambos os dous ou dos múltiples interlocutores. Deste xeito colleu protagonismo, á hora de posibilitar a dita comunicación a escrita que, debido ao alonxamento obrigado ou voluntario de uns respecto aos outros, fixo posible que este contacto se poidese producir a través da carta e do correo postal, pero non de forma simultánea.

 

Foto: Felipe Castro López.

 

 

Os métodos comunicativos seguiron evolucionando e permitindo esa importante simultaneidade, comezando inicialmente polo telégrafo e máis tarde polo teléfono e continuando, grazas a outros avances tecnolóxicos máis recentes, polas video chamadas ou as redes sociais.

Debemos recoñecer que, paulatinamente e segundo en que casos, estes novos sistemas de comunicación verbal ou escrita, nos foron afastando do costume e da necesidade de xuntarse para falar, parolear…, deixando atrás tamén a obrigatoriedade e o hábito dese contacto persoal, desas longas conversas tan agradables e enriquecedoras que contribuían a facernos máis sociables, máis comunicativos, máis colaborativos e máis xenerosos e solidarios.

Estas longas conversas desenvolvíanse mentres se traballaba, se comía e, tamén como non, nos momentos de lecer; en lugares moi diversos: nos agros, no monte, nas prazas, nas calexas e nos patios dos pobos. Para min, tal vez, un dos lugares máis axeitados eran aquelas lareiras nas que nunca se apagaba o lume e que, ademáis de proporcionarnos calor e un lugar onde cociñar, achegábanos un espazo íntimo pero tamén colectivo, acolledor e entrañable.

Neste intre no que tan necesitados estamos de contacto e posibilidade comunicativa, habería que rehabilitar moitas desas fermosas e antigas LAREIRAS.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close