OurenseÚltima hora

A liña de alta velocidade Madrid-Galicia comezará a operar o 21 de decembro con pasaxeiros

Así o anunciaba a ministra de Transportes tras o percorrido de probas do novo tramo de alta velocidade ferroviaria Pedralba de la Pradería-Ourense

 

Esta mañá tiña lugar a viaxe de probas do tren de alta velocidade entre Madrid e Ourense. Un acto institucional que contaba coa presenza, entre outras autoridades da ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, que anunciaba que desde mañá xa se poderán comprar billetes para a LAV Madrid-Galicia, que comezará a operar con pasaxeiros o próximo 21 de decembro de 2021.

Raquel Sánchez estivo acompañada polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; polo presidente de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco; polo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; polos principais responsables de Mitma, a secretaria de Estado, Isabel Pardo de Beira; o secretario xeral de Infraestruturas, Sergio Vázquez; a presidenta de Adif, Maria Luisa Domínguez; e polo presidente de Renfe, Isaías Taboa, así como por outras autoridades como os presidentes das Deputacións de Ourense e Lugo.

O tramo probado hoxe entre Pedralba de la Pradería (provincia de Zamora) e Ourense, de 119,4 km de lonxitude, supuxo un investimento aproximado de 2.965 millóns de euros e dá continuidade ao tramo posto en servizo hai pouco máis dun ano entre Zamora e Pedralba de la Pradería. Desta forma, complétase a conexión entre Madrid e Galicia na que o Estado investiu máis de 9.000 millóns de euros nos últimos 16 anos.

Raquel Sánchez, na súa intervención, fixo fincapé en que o inicio das circulacións comerciais e unha nova oferta de servizos mellorará a conexión de Madrid con todas as provincias galegas de forma substancial. Recorte nos tempos de viaxe A ministra, sobre o recorte nos tempos de viaxe entre Galicia e Madrid, informou que o maior aforro de tempo producirase no tronco da liña e, por iso, desde Ourense verase reducido en 1 hora e 28 minutos.

Desde a capital ourensá, e grazas á posta en servizo deste novo tramo, os trens mellorarán os seus tempos de viaxe ao resto de localidades galegas respecto a Madrid, de forma que: os trens de Vigo e Pontevedra recortarán os seus tempos actuais en 54 minutos; os de Santiago, 1 hora e 4 minutos; os da Coruña, 1 hora e 3 minutos; e os trens a Lugo acurtarán en 57 minutos a duración a súa viaxe. Desta forma, os novos tempos de viaxe desde as principais cidades galegas con Madrid quedarán da seguinte maneira:
Ourense-Madrid: 2:15 h
Vigo-Madrid: 4:16 h
Pontevedra-Madrid: 4:00 h
Santiago-Madrid: 3:20 h
A Coruña-Madrid: 3:51 h
Lugo-Madrid: 4:46 h

Nunha segunda fase reduciranse noutros 20 minutos máis coa chegada dos trens da serie 106 de Talgo, coñecidos como Avril, que permitirán velocidades de 330 Km/ h. Trátase dos trens máis
modernos da compañía e dispoñerán de ancho variable, o que lles permitirá chegar a todas as capitais galegas, segundo adiantaba a ministra.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, celebrou hoxe que Galicia estea a piques de cumprir un fito histórico coa chegada do AVE a Ourense o vindeiro 21 de decembro. “Temos algunhas etapas do camiño aínda pendentes, pero estamos a punto de culminar unha meta histórica: a chegada do AVE a Ourense, a porta de entrada da alta velocidade a Galicia”, dixo, reiterando a necesidade de que o mapa da alta velocidade se vaia completando, chegando ao resto das cidades galegas co fin de cumprir o calendario de tempos comprometidos.

“Hoxe é un día absolutamente histórico”, indicaba tamén o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, tras realizar integramente a primeira viaxe de probas da liña. “É un auténtico orgullo dicir que Madrid está agora mesmo a 2 h 15 minutos de Ourense cidade, algo inimaxinable cando eu era pequeño ou mesmo hai dúas décadas”, sinalou. O AVE, asegura, “é unha infraestrutura vital que esperemos que axude a que esta cidade saia adiante”. Valora o rexedor que “hoxe é un día de felicidade para os ourensáns, un día de realidades”, mais advirte que quedan tarefas pendentes, como a licitación da nova estación, a construción da variante exterior ou a mellora das conexións coas cidades de Vigo e Lugo.

Para o presidente da Deputación, Manuel Baltar, “a chegada do AVE a Ourense é unha data histórica para a provincia, na que transformamos as distancias en tempo e competitividade”. Manuel Baltar participou hoxe na primeira viaxe en probas do AVE que partiu da estación Clara Campo Amor de Madrid ás 8.45 da mañá e chegou á estación ourensá pouco antes das 11h. horas, o que supuxo na práctica a inauguración do novo tramo de alta velocidade entre Pedralba de la Pradería e Ourense, de 119 quilómetros de lonxitude.

Artigos relacionados

Back to top button