EconomíaEconomíaÚltima hora

A liña ferroviaria A Coruña-Vigo-Ourense-Monforte-O Barco-Palencia integrarase no Corredor Atlántico

Imaxe da reunión mantida en Bruxelas entre representantes do Eixo e Carlo Secchi.

A data será a do 6 de xuño. Nesa xornada está previsto que a liña ferroviaria A Coruña-Vigo-Ourense-Monforte- O Barco-Palencia se integre no Corredor Atlántico. Así vén de facerse público dende o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, tras a reunión mantida na mañá do 24 de xuño en Bruxelas entre o presidente deste organismo, o alcalde do Barco Alfredo García, o secretario xeral da entidade, Xoán Vázquez Mao, e Carlo Secchi, coordinador europeo da rede Transeuropea de Transportes.

Durante a xuntanza Secchi confirmáballe aos representantes do Eixo Atlántico que a citada liña ferroviaria será proposta pola Comisión Europea o próximo 6 de xuño para a súa integración no Corredor Atlántico, proposta que será remitida para a súa ratificación polo Parlamento e polo Consello Europeo.

A  previsión para a ratificación definitiva é dun ano, aínda que o actual Parlamento ten intención de aprobalo antes das próximas eleccións europeas. En calquera caso a proposta será oficializada antes do 2020 para que poida ser cofinanciada no 2021 cos fondos do novo marco comunitario. A Comisión Europea realizará entre o 2021 e o 2023 unha revisión do estado das obras para garantir que no 2030 como máximo toda a rede europea estea finalizada, tal e como se informa dende o Eixo Atlántico.

Artigos relacionados

Back to top button