En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A loita contra a despoboación rural a través do Entroido

O Fulión da Mourela p’acá, que reúne a veciños de varias aldeas desta zona de Manzaneda, vén de iniciar en Trabazos o seu calendario de visitas a pobos neste Entroido

Había xa moitos anos que a voz das cornas, bombos, sachos e gadañas non enchía as rúas de Trabazos (Manzaneda). Tampouco as Mázcaras danzaban polas súas rúas. Iso cambiaba no Entroido do 2016, cando o folión da Mourela p’acá visitaba esta aldea e lle devolvía a ilusión de participar e sentir unha das súas tradicións máis enxebres: o fulión.

Dende entón esta singular comitiva sonora, encabezada polas Mázcaras, volve cada Entroido ata esta aldea da man do Fulión da Mourela p’acá, que reúne a veciños de varias localidades desta zona de Manzaneda. A despoboación fai mella no rural, cada vez hai menos veciños e menos xente nova, pero a ilusión por manter esta tradición permanece e segue unindo aos pobos. E así xurdiu a idea de facer un percorrido por cada unha destas aldeas e visitar aos seus habitantes no tempo do Entroido como un xeito de devolverlles á vida e de compartir con eles unha celebración tan especial. Neste ano o calendario de visitas encetábase en Trabazos.

Os veciños visitados amosan o seu agradecemento convidando aos membros do fulión durante a ronda, con bebida e aperitivos, e despois, ao completar a ronda, cunha cea, que acostuma celebrarse no baixo máis amplo da vila, para poder acoller á toda a xente. Despois de Trabazos virán outras aldeas ata completar as datas da festa. Este é un exemplo, dos moitos que afortunamente hai no Entroido da provincia de Ourense, do esforzo por perpetuar a tradición e a vida no rural pese á situación demográfica actual.

Tamén os folións percorren as diferentes aldeas de Viana ou de Vilariño de Conso e mesmo ás da Gudiña, enchéndoas de xente e congregando a veciños e visitantes en torno a unha celebración ancestral que loitan por perpetuar e con ela, a memoria dos seus pobos.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Dúas das Mázcaras deste fulión, unha delas de Trabazos./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button