En portadaÚltima hora

“A lousa galega conseguiu manter a súa puxanza exterior no 2020”

O director do Igape, Fernando Guldrís, reuníase este martes con representantes do Clúster da Pizarra de Galicia en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras)

 

Pese ao actual contexto de crise global por mor do Covid, o sector galego da lousa “conseguiu manter a súa puxanza exterior”. Destacábao, apoiándose nos datos, o director do Igape, Fernando Guldrís, na visita que realizaba neste 16 de marzo á sede do Clúster da Pizarra de Galicia, en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras). Incidía en que este sector está a demostrar a súa capacidade de adaptación e de resistencia no actual contexto económico.

Nese senso, o director do Igape puxo en valor os resultados das vendas no exterior desta industria durante 2020. “Na provincia de Ourense no apartado de derivados da pedra natural exportouse un total de 345 millóns de euros, o que supón un 2% máis que no 2019. E só en decembro, o incremento deste capítulo de vendas é do 24,5% aproximadamente, sendo a parte máis relevante e con máis peso deste capítulo a lousa”. Ademais matizaba que o 95% da produción de lousa galega destínase á exportación, sendo Reino Unido un dos seus principais mercados.

 

O presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, intervindo no acto/ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Nesta liña, Guldrís destacaba que o mercado inglés era o cuarto en exportación para Galicia e que o Brexit constitúe “unha incerteza que se ten ido xerando durante todo este tempo, no que non sabiamos exactamente como se ía formalizar a saída do Reino Unido da UE. Nese marco dende o Igape púxose en marcha tamén un conxunto de cinco medidas, denominadas Oficina Brexit, encamiñadas a que empresas cun grao de exposición alto ao Reino Unido non só non perdan a capacidade de exportación ou importanción no mercado inglés, senón que poidan aproveitar a coxuntura actual para incrementar o seu grao de apoio. Nese senso, seguiremos apoiando ás empresas con algunha exposición a ese mercado tan relevante, especialmente nalgúns sectores, como pode ser tamén o da lousa”.

No encontro que Guldrís mantiña co sector da lousa participaba o presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Víctor Cobo, así como o xerente da entidade, Severino Vázquez, e varios empresarios do sector, ademais da alcaldes de Carballeda, María Carmen González.

 

O director do Igape, Fernando Guldrís, na sede do Clúster da Pizarra de Galicia./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O presidente do Clúster, que lle entregaba ao director do Igape varias publicacións editadas por esta entidade, agradecía esta visita e convidaba ao director do Igape a volver noutra ocasión “con máis tempo para coñecer de primeira man o sector, visitando unha explotación e unha fábrica de elaboración” e expoñía algúns dos indicadores que fan desta actividade extractiva unha das máis destacadas dende o punto de vista económico en Galicia, como son as vendas a exterior e os 2.400 empregos directos e máis de 10.000 indirectos que xera.

“A extracción, elaboración e comercialización de lousa conseguiu que Valdeorras teña un dos Produtos Interiores Brutos (PIB) máis altos de Galicia. Case todo o mundo na zona mantén vínculos coa lousa, de forma directa ou indirecta, o que sen dúbida supón que o sector beneficia notablemente ao seu entorno máis inmediato. O director xeral vén a visitarnos para coñecer de primeira man as demandas e sensibilidades do noso sector, entre as que destaca, como temos feito público en reiteradas ocasións, o noso compromiso coa seguridade e saúde dos nosos traballadores, a sostibilidade e, por suposto, coa creación de emprego”, indicaba Cobo.

Finalmente, a alcaldesa de Carballeda, María Carmen González, apuntaba que “neste momento de tanta tristura e depresión económica, que xa se empeza a palpar na xente, Valdeorras é unha illa grazas ao sector da lousa”, que tamén agradecía a visita do director do Igape.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button