En portadaÚltima hora

A lousa para cubertas, analizada polo miúdo no novo libro do xeólogo Víctor Cárdenes

Presentarase no Barco o vindeiro xoves 9 de xuño ás 20:30h. no edificio multiusos

Víctor Cárdenes, autor do libro./ Cedida.

A lousa para cubertas é un tipo de rocha moi particular que se vén empregando para ese fin xa dende época romana. Na súa xeoloxía, historia, proceso produtivo, propiedades construtivas, arquitectura e colocación ou, calidade e normativa fai fincapé o investigador e xeólogo Víctor Cárdenes Van den Eynde no libro que vén de publicar arredor desta emblemática pedra natural valdeorresa. Presentarase o vindeiro xoves 9 de xuño nun acto previsto ás 20:30h. no salón de actos do edificio multiusos do Barco (con entrada libre ata completar aforo).

“A comarca de Valdeorras, xunto coas veciñas da Baña e Puente de Domingo Flórez (na provincia de León), son os principais núcleos produtores e exportadores de lousa para cubertas do mundo. Hoxe en día, a lousa valdeorresa ten chegado a todos os recunchos do mundo. As modernas explotacións datan dos anos 60 do século pasado, pero anteriormente houbo actividade louseira na comarca xa desde o tempo dos romanos, como mostran as recentes escavacións do Castro de Valencia do Sil. A pesar diso, esta rocha segue sendo unha gran descoñecida”, asegura Víctor Cárdenes. De aí o seu interese por realizar publicar este volume adicado a ela e que cualifica de “manual polo seu eminente carácter práctico” e que considera que “vén encher moitas das lagoas que hai sobre a lousa”.

O libro está dividido en sete secciones (Xeoloxía, Historia, Produción, Propiedades, Arquitectura, Calidade e Curiosidades) “estruturadas en forma de preguntas e respostas, o que fai que a súa lectura sexa directa e amena”. As preguntas foron seleccionadas polo autor entre as moitas que lle fixeron ao longo dos anos por parte do sector, “tanto empresarios como arquitectos, colocadores, comerciais, propietarios e distribuidores. Esas son as preguntas que me serviron para deseñar a estrutura básica do manual, que escribín tendo en mente dous obxectivos. Por unha banda, o de proporcionar argumentos e ferramentas ao sector para mellorar a promoción e desenvolvemento dos seus produtos. Ademais quería resolver as dúbidas recorrentes que hai sobre diversos aspectos da lousa”.

“Ata a data, a bibliografía existente sobre lousa é escasa e céntrase soamente en aplicacións arquitectónicas. Este é o primeiro libro que aborda todos estes temas no seu conxunto, e que, ao mesmo tempo, ofrece unha valiosa información tanto a produtores, arquitectos, técnicos e a calquera persoa dedicada o negocio da lousa”, resalta Cárdenes.

 

 

 

 

O libro está patrocinado pola maioría das empresas do sector, así como o Concello do Barco de Valdeorras, e nestes momentos xa pode adquirirse na librería Casa Tomada ( rúa Pérez Lista) e Beep O Barco ( rúa Pena Trevinca), en ambos casos no Barco.

O autor

Víctor Cárdenes Van den Eynde, é un xeólogo que chegou no 2000 ao Barco de Valdeorras, traballando no sector da lousa durante 7 anos (Pizarras SAMACA e Laboratorio do Centro Tecnolóxico da Lousa), despois do cal se mudou a Oviedo, onde acabou un doutoramento sobre lousa na universidade desta mesma cidade no ano 2012. En 2014 marchou a traballar á Universidade de Gante (Bélxica), grazas a unha axuda post-doutoral da Unión Europea, enmarcada no programa Marie Curie.

O tema da súa investigación era, como non, lousa para cubertas. Ata mediados do 2017, cando regresou a España, investigou, viaxou e aprendeu sobre todos os aspectos que rodean esta rocha. Ao seu regreso adquiriría unha ampla visión da historia e a riqueza do mundo da lousa. Desde entón traballa a tempo parcial na Universidade de Oviedo, así como de consultor privado para empresas do sector.

Na actualidade, é o autor con maior número de publicacións científicas sobre lousa. “Tiven a sorte de traballar nunha rocha moi especial, pero sobre a que aínda faltaban moitas cousas por dicir”, conta. Este novo libro que vén de saír do prelo é o compendio da súa experiencia e traballos ao longo dos últimos 20 anos.

Artigos relacionados

Back to top button