En portadaÚltima hora

A lousa renova a Declaración Ambiental de Produto (DAP) ata o 2026

Esta "ecoetiqueta" achega información cuantitativa dos impactos ambientais dun produto ao longo do seu ciclo de vida

 

O sector da lousa vén de ser certificado coa marca DAPcons, que aglutina empresas fabricantes de produtos e materiais que teñen un compromiso coa sustentabilidade e medio ambiente, e desexan avanzar nos impactos ambientais dos seus produtos. Deste xeito, a lousa renova a Declaración Ambiental de Produto (DAP) ata o ano 2026.

Así se anunciaba nun acto celebrado esta mañá na sede do Clúster da Pizarra de Galicia, en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras), no que interviñan diversas autoridades, entre elas o presidente desta agrupación, Víctor Cobo; a subdirectora de Recursos Minerais, María Coutinho; o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; así como a alcaldesa de Carballeda, María Carmen González.

A presentación contaba coa asistencia de numerosos representantes do sector da lousa, así como con membros da CEO, de AEVA e coa dos alcaldes do Barco, Alfredo García, e de Quiroga, Julio Álvarez, así como da deputada valdeorresa no Parlamento de Galicia María Albert; e os técnicos Eduardo García e María Concepción Lago.

Para a obtención da Declaración Ambiental de Produto, os consultores analizaron datos de 25 empresas produtoras integradas no Clúster da Pizarra de Galicia no ano 2020 e tamén doutras procedentes de Castela e León. Tal e como explicou Víctor Cobo, “grazas a esta Declaración Ambiental de Produto, os técnicos e profesionais do sector da construción poderán seleccionar os tipos de lousa segundo criterios ambientais, máis aló dos estéticos, económicos e funcionais”.

Para conseguir a certificación, estudáronse determinados datos da lousa como produto tales como durabilidade e sustentabilidade ambiental, emisións, consumo de enerxía e auga ou eliminación de residuos, entre outros parámetros. Ademais fíxose unha análise do ciclo de vida do produto lousa “do berce á tumba” e, tal e como explicou Víctor Cobo, “podemos concluír que a lousa natural é máis sostible que outros produtos substitutivos utilizados na construción de cubertas tales como o zinc, a tella ou o fibrocemento”.

Pola súa banda, a subdirectora xeral de Recursos Minerais, María Coutinho, incidía na importancia desta ecotiqueta “como un instrumento especialmente útil” e poñía en valor a lousa indicando que se trata dun “sector crucial para o noso desenvolvemento económico, un sector dinamizador do rural e que xera máis dun 25% de emprego feminino”. Tamén aseguraba que “a lousa de Galicia destaca pola súa calidade e sustentabilidade”.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, salientou a importancia da Declaración Ambiental de Produto da Pizarra como a consolidación dun logro estratéxico para o sector que pretende mostrar obxectivamente as bondades ecolóxicas dos produtos de pedra, e máis concretamente da pizarra natural fronte a outros produtos para cuberta.

O delegado territorial subliñaba que esta declaración reafirma a primeira declaración ambiental (DAPc) a nivel nacional, de xuño de 2013, promovida pola Federación Nacional da Pizarra (FNP), a Asociación Galega de Pizarristas (AGP) e o Colexio de Aparelladores, en colaboración coa consultora especializada ADAPTA SG e coa Dirección de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia.

 

 

 

Gabriel Alén explicou que esta proclamación recolle todos os datos ambientais dun produto durante o seu ciclo de vida: información sobre as emisións de CO2, a cantidade de auga necesaria para producilo ou o esgotamento de recursos naturais. Todos estes datos, recollidos segundo normas internacionais, permiten comparar o índice contaminante dos distintos produtos e familias de produtos. O sistema DAPc, desenvolvido polo CAATEEB, é un procedemento que permite realizar as declaracións ambientais de produtos da construción. Dicir que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e o Clúster da Pizarra teñen asinado un convenio de colaboración en materia de sostibilidade, que frutificou na obtención desta DAP sectorial que hoxe estase a presentar.

Finalmente, a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González, resaltaba tamén que “a lousa xoga un papel fundamental no desenvolvemento desta zona de Galicia, ademais de levar anos apostando pola innovación e polo emprego feminino”. Ao mesmo tempo, apuntaba retos de futuro para este sector como é o relativo aos condicionantes do novo ciclo de Planificación Hidrolóxica na Demarcación do Miño-Sil, referíndose en concreto a determinados artigos do novo plan, que “debe ser suprimidos, non podemos poñer en perigo o emprego e viabilidade de moitas das nosas empresas”, dicía a rexedora.

¿Que é unha DAP?

As Declaracións Ambientais de Produto (DAP), en inglés Environmental Product Declaration (EPD), achegan información cuantitativa dos impactos ambientais dun produto ao longo do seu ciclo de vida. Son coñecidas como “Eco-etiquetas” tipo III. A información que contén unha DAP baséase na análise do ciclo de vida ( ACV) dun produto.

As Declaracións Ambientais de Produto (DAP) realízanse conforme á Norma Internacional ISO 14025, que define os requisitos que deben cumprir estas Declaracións ambientais, incluíndo a verificación por terceira parte. Para produtos de construción, emprégase a Norma Europea EN 15804, que facilita o recoñecemento da información ambiental dos produtos de construción en Europa, ao constituír unha referencia harmonizada e recoñecida.

Existen tamén as DAP sectoriais, como a conseguida pola lousa, que mostran os valores medios dun produto con características funcionais similares. Estas resultasen especialmente útiles para o técnico na primeira etapa dun proxecto na que se require coñecer o impacto ambiental dun produto tipo sen coñecer o modelo nin a marca exacta.

Artigos relacionados

Back to top button