OurenseÚltima hora

A maior parte dos incendios urbanos xestionados polo 112 Galicia, provocados por descoidos e falta de mantemento

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presentou hoxe, xunto co xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, o balance do CIAE 112 Galicia

Presentación do balance da actividade do CIAE.

 

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia atendeu nos últimos anos (2017-2021) un total de 10.704 incendios urbanos e 626 acumulacións de gas. Unha tendencia que foi en aumento mesmo durante a pandemia causada pola Covid (2020-2021), cando se contabilizaron un total de 4.394 e 261 chamadas relacionadas con senllas tipoloxías.

En 2021, o 112 Galicia atendeu un 12 por cento menos de chamadas (853.529) con respecto ao exercicio anterior (969.999) e o número de incidencias xestionadas mantense en cifras semellantes, mesmo cun lixeiro descenso con respecto a 2020 (230.204, en 2021; e 236.343, en 2020).

Segundo explicou o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, durante a presentación, xunto co xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo, do balance de actividade do CIAE 112 Galicia, a maior parte destas situacións producíronse por descoidos, como deixar as potas ao lume sen control, ou polo mantemento precario ou nulo de aparatos de calor e chemineas. Unha mala tendencia que pode romperse, sinalou, con máis vixilancia e prevención nos fogares galegos.

 

 

Así, o responsable do departamento autonómico incidiu en que, nos peores meses da emerxencia sanitaria, o numero de incendios e acumulacións de gas nas vivendas creceu posiblemente polo maior uso das cociñas e calefaccións. De feito, o responsable do departamento autonómico relacionou a maior presenza nas casas durante os peores meses da emerxencia sanitaria provocada pola Covid co menor número de intervencións por incendios e intoxicacións por gases.

Comeza a consolidarse o uso das ferramentas de xeolocalización

Por outra banda, Villanueva confirmou a consolidación do uso das novas tecnoloxías para a mellora da xeolicalización en situacións de emerxencia, como son o ecall e o envío de coordenadas.

Deste xeito, en 2021, aumentaron considerablemente as incidencias xestionadas a partir dos avisos recibidos no 112 Galicia mediante o sistema ecall (107), en comparación coas tramitadas en 2020 (28).

Tamén chamou a atención sobre o número de incidencias relacionadas con rescates ou persoas perdidas, nas que se empregaron coordenadas de localización. Así, en 2021, das 480 intervencións con esta tipoloxía, 90 contaron co apoio dos datos de xeolocalización, mentres que, en 2020, dos 717 casos rexistrados, só 37 xestionáronse coa axuda desta información.

A cidadanía é consciente da importancia do uso responsable do servizo

Por último, valorou o comportamento da cidadanía, cada vez máis responsable no uso do servizo de emerxencias ao evitar duplicar a información sobre un mesmo incidente. Neste senso, recordou que, sempre que sexa posible, debemos asegurarnos de que ningunha outra persoa comunicou primeiro os feitos ao servizo de emerxencias. Con este simple xesto, logramos axilizar a xestión e permitimos que a axuda chegue antes.

Artigos relacionados

Back to top button