SanidadeÚltima hora

A mascarilla deixará de ser obrigatoria en interiores o 20 de abril, agás no ámbito sanitario, sociosanitario e no transporte

"Cremos que era o momento, pero hai que facelo con prudencia e onde sexa obrigatorio ser moi estritos e onde sexa recomedable facer caso desta recomendación", asegura o conselleiro de Sanidade

 

A decisión tomábase practicamente por unanimidade no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) deste mércores. O Consello de Ministros aprobará a eliminación do uso obrigatorio das mascarillas con carácter xeral (son obrigatorias dende maio de 2020) no interior o 19 de abril, tal e como facía público a ministra de Sanidade, Carolina Darias, trasao Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde. A medida entrará en vigor o 20 de abril, o mesmo día que se publicará no BOE.

Pero hai excepcións. A mascarilla continuará sendo obrigatoria en transportes públicos, centros sanitarios e sociosanitarios (residencias de maiores) para traballadores e visitas. Ademais haberá ámbitos nos se continuará recomendando o seu uso como o laboral, se non se pode gardar a distancia de seguridade de 1,5 m entre as persoas e non hai ventilación adecuada; os centros comerciais, etc.

 

O conselleiro de Sanidade, Julio García.

 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacaba a relevancia desta medida acordada e indicaba que “Galicia está satisfeita co procedemento. É unha decisión avalada polos técnicos e que pasou por todos os pasos razonables: Comisión de Alertas, Comisión de Saúde Pública, e finalmente hoxe o visto bo do Consello Interterritorial e agora ten que ir ao Consello de Ministros o día 19 para a súa aprobación. Insisto é unha medida importantísima, é a segunda medida de maior calado que se podía tomar tras a eliminación dos illamentos. Cremos que era o momento, pero hai que facelo con prudencia e onde sexa obrigatorio ser moi estritos e onde sexa recomedable facer caso desta recomendación”.

Ademais García Comesaña indicaba que “dende Galicia pediramos que houbera alomenos 15 dias entre a medida de eliminar os illamentos e esta outra medida tan importante, que imos tomar agora. Seránn 3 semanas, polo tanto, estamos satisfeitos con esa proporcionalidade e con esa temporalidade, para que nos dea tempo a mirar o efecto de eliminar os illamentos e, a continuación, pasada ademais a Semana Santa tomar a decisión de que a mascarilla deixe de ser obrigatoria”.

Artigos relacionados

Back to top button