SanidadeÚltima hora

A matrona Aurora Rodríguez afonda sobre a violencia obstétrica e as súas consecuencias, no Barco

Impartía na tarde do 25 de setembro un obradoiro sobre este tema organizado pola Asociación De Nai a Nai en colaboración co Concello

 

“Para cambiar o mundo é necesario cambiar primeiro o xeito de nacer”. Partindo desta frase de Michel Odent, María Aurora Rodríguez, matrona do paritorio do Hospital do Bierzo, iniciaba a súa intervención na sesión que abría na tarde do 25 de setembro o obradoiro “A violencia obstétrica como violencia de xénero” no multiusos do Barco.

Nela centrábase, sobre todo, en aclarar conceptos para que os asistentes soubesen distinguir claramente “que pode constituír violencia de xénero deste tipo e que non”. E facíao fomentando de diverso xeito participación do público da sesión e complementando as súas explicacións con outro tipo de recursos como a proxección da curtametraxe “Por tu bien”, da directora Icíar Bollaín, tras a cal pedía aos presentes que identificasen nel situacións que considerasen pouco apropiadas.

Aurora Rodríguez sinalaba que “a violencia de xénero é un problema de saúde pública importantísimo, que afecta ás mulleres ao longo das etapas de todo o seu ciclo de vida” e achegaba a definición concreta que fai a ONU sobre ela: “todo acto de violencia baseado na pertenza ao sexo feminino que teña ou poida ter como resultado un dano ou sufrimento físico, sexual ou psicolóxico para a muller, así como as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria da liberdade, tanto se se producen na vida pública como na vida privada”.

Seguidamente definía a violencia obstétrica como aquelas “prácticas na atención á saúde sexual e reprodutiva da muller (exclusivamente) degradándoa, oprimíndoa e intimidándoa, durante o embarazo, o parto e o puerperio” e que supoñen “a violación dos seus dereitos humanos e reprodutivos”, ademais de “infantilizar á muller, mediante unha actitude paternalista e/ou vexatoria”, con consecuencias físicas e psicolóxicas”. E engadía que é un tipo de violencia que parece “normalizada e invisibilizada”. Esta violencia obstétrica é un concepto xurídico que aparece xa contemplado en ordenamentos xurídicos doutros países como Venezuela ou Arxentina.

A ponente tamén se refería aos motivos que levan aos profesionais a causar este tipo de violencia e ás consecuencias físicas e estruturais da mesma, entre outras cuestións. Este obradoiro, que terá unha segunda parte en outubro, está organizado pola Asociación De Nai a Nai en colaboración co Concello do Barco.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button
Close