CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

A maxia do teatro enche o Centro Cultural Avenida da Rúa

Sete grupos participaron na Xornada de Teatro organizada pola asociación A Ruada

Un ano máis, e xa van seis, o Centro Cultural Avenida da Rúa encheuse coa maxia, o humor e a alegría do teatro, da man da Asociación Cultural de Teatro A Ruada, organizadora das xornadas de teatro afeccionado que na tarde do 1 de maio, xuntaron a centos de persoas, no público e tamén sobre o escenario.

De forma excepcional, este ano as Xornadas de Teatro da Rúa adiantábanse ata o mes de maio, concentrando nunha única función ata sete representacións doutros tantos grupos, da comarca de Valdeorras e tamén de Verín, Ponferrada e San Clodio.

A música de Abertal foi coma sempre a que deu o pistoletazo de saída a máis de tres horas de teatro ininturrumpido, onde as risas e os aplausos demostraron a arte dos actores.

Como bo anfitrión, o grupo A Ruada foi o primeiro en actuar, poñendo en escena un fragmento da súa obra “A tía lambida”. De seguido tocáballe o turno ao grupo Xaime Prada de Vilamartín que fixo rir aos asistentes co seu peculiar sistema de protestas celestiais en “reclamaciones@cielo.dios”.

O espectáculo continuaría co grupo de Mulleres do Rural de Vilamartín e a súa obra “O chao das donas”; seguido por Augas do Sil de San Clodio (Lugo) que participaban por primeira vez nas xornadas coa obra “O fotógrafo”. La Caja de Pandora de Verín, puxo no escenario “A precuela” baseada na obra “Perseguindo un soño” que interpretaran nas xornadas do ano pasado; e A.M.B.I. de Ponferrada, tres dos seus “Monólogos”. O pograma pechábao Gabriel de Gargallada do Barco, cun fragmento de “Quimera” obra adicada ao clown Paco González.

Este ano ademais a entrada do teatro foi solidaria a favor de Cruz Vermella Valdeorras, para quen foi o recadado. “Todo o mundo adoita colaborar coas diferentes asociacións benéficas no Nadal, nós decidimos esperar un pouco máis porque pensamos que a axuda é necesaria ao longo de todo o ano” explicaban dende a Asociación Cultural de Teatro A Ruada.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button