ConcellosCulturaCulturaO BarcoÚltima hora

A memoria das pequenas cousas nas fotos de Francisco Sandiás (Pancho)

Que parte das nosas lembranzas infantís lle debemos á fotografía? Seríamos quen de reconstruír historias pasadas de non termos a man esas instantáneas que conxelaron o momento, as olladas da xente e o seu contexto para traelos ao presente? Estas e outras preguntas véñenme arestora á cabeza ao saber que o fotógrafo Francisco Sandiás Delgado “Pancho” acaba de deixarnos.

“Memoria das pequenas cousas” foi o título da exposición e catálogo que en novembro de 2012 percorría as fotografías do Pancho. Con ela o Concello do Barco poñía o foco sobre as imaxes que tomou entre 1959 e 1978, salientando a súa importancia para o patrimonio gráfico da comarca, como antes fixera coas de Eugenio de Puga, Martín Gómez, Blanco Pascual, Manuel Barrio, Rufino, Isabel Crespo e Ismael.

 

 

Nesta mostra estaban representadas escenas da nosa historia recente, momentos ligados case sempre á biografía do fotógrafo e o seu contorno máis próximo. Nelas temos pequenas cousas de Outarelo (de onde o Pancho procede) coa súa grandiosa romaría invernal do San Francisco, sen dúbida o acto máis fotografado na historia da comarca. Pequenas cousas de San Xusto, a aldea de onde era Avelina, a súa muller. Pequenas cousas da Vila do Castro, miradoiro privilexiado sobre os cambios que se estaban producindo no Barco, que a curiosidade do fotógrafo recolleu: a pasarela, a nova ponte de San Fernando, a Cooperativa, o Malecón,…

Pequenas cousas do fútbol antes e despois da formación, en 1973, do Centro de Deportes Barco. Pequenas cousas do choio no taller metalúrxico onde traballou toda a vida. Pequenas cousas, ao cabo, das Casas Baratas, o barrio de nova creación onde vive coa súa familia, o seu mundo, un lugar que ferve de vida con xente moza e traballadora de procedencias diversas.

 

 

Na década dos sesenta do século pasado, o Pancho dedícase á fotografía no escaso tempo que lle deixa a súa xornada laboral. Aprendera a técnica do revelado nun curso por correspondencia. Os domingos e días festivos percorre, na súa inseparable moto, as aldeas da contorna na procura de encargas, revela pola noite na súa casa roubándolle horas ao descanso. Logo vaise popularizando a fotografía a cor, moitos particulares comezaron a adquirir a súa cámara e os fotógrafos con tenda pasan a ser intermediarios, mentres decae a realización artesán do proceso fotográfico.

Nese momento, a segunda metade dos setenta, vai continuar coa súa paixón de xeito máis relaxado, tomando fotografías a cor que daba a revelar e nas que reflectía, como un reporteiro por libre, todo aquilo que chamaba a súa atención na vida do Barco e da comarca. Máis tarde, sempre atento aos avances técnicos, faise cunha gravadora, primeiro en super 8 e logo en vídeo, coa que continuará recollendo eventos deportivos e sociais.

 

Gratitude inmensa a Francisco Sandiás “Pancho” (A Habana, 1927 – O Barco, 2022) posiblemente o último dos nosos fotógrafos artesáns, por ter contribuído a esa tarefa, sempre inacabada, de coñecermos mellor quen somos e de onde vimos, por permitirnos visitar de novo os espazos da infancia que activan en nós un mundo de emocións e sentimentos compartidos.

Texto: Gustavo Docampo.

As fotos deste artigo están recollidas no catálogo da exposición “A memoria das pequenas cousas” de Francisco Sandiás, realizada na Casa do Río Cigüeño Barco en novembro de 2012.

 

Artigos relacionados

Back to top button