CulturaCulturaEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

A mestría pictórica de Yosso reencóntrase co público

Na Casa do Concello de Vilariño vén de inaugurarse unha escolma da obra plástica deste artista e escritor coñecido como Xosé de Valbuxán, que levaba moito tempo sen expoñer

Despois de moitos anos sen expoñer, a obra plástica do bolés José Porto García “Yosso”, máis coñecido no mundo da pintura como Xosé de Valbuxán, volve reencontrarse co público. Na tarde do 29 de decembro inaugurábase na Casa do Concello de Vilariño de Conso unha escolma que reúne unhas 60 obras súas, de diverso formato e temática, que van dende os óleos e os pasteis ata os debuxos. Neles poden verse paisaxes da súa aldea natal (Valbuxán, O Bolo), pero tamén os lugares nos que se desenvolveu como creador tales como Londres, París ou Madrid, así como retratos da súa familia, entre outros.

“Esta é unha pequena mostra do talento, da traxectoria dunha vida”, destacaba Melisa Macía, alcaldesa de Vilariño no acto inaugural da exposición, dirixíndose a Yosso, que estaba acompañado pola súa familia e por veciños dos concellos do Bolo e de Vilariño. Ademais resaltaba que nos seus cadros pode verse “o aprezo que ten cara o rural, iso é unha cousa que admiro profundamente de ti”. Melisa Macía expresáballe tamén o seu gran agradecemento por permitir que durante varios meses esta exposición poida visitarse en Vilariño, “mentres ti queiras está será a túa casa”.

 

Yosso coa súa irmá Marina e a súa sobriña Manola, na exposición./ Foto: Carlos G. Hervella.

O artista preferiu non falar neste acto, no que si interviña, moi emocionada, a súa sobriña, Manola Porto. “Para el supón un gran esforzo estar aquí con nós”, destacaba. Tamén se refería á súa tía, Marina como principal promotora desta exposición en Vilariño, e agradeceu o esforzo do resto da súa familia para “axudar a desempolvar e traer estes cadros que estaban na casa”, así como ao Concello “polas facilidades” para levar adiante esta mostra. Finalizaba lembrando brevemente a traxectoria de Xosé de Valbuxán. “Con dez anos marchou do seu pobo natal para ir estudar” e con 19 partía para París. Estivo vivindo en Francia, en Suíza, Italia… simultáneando traballos varios, pero, sobre todo, pintando e escribindo. Despois regresaba á súa casa, Valbuxán.

Sobre a súa faciana creativa e a súa decisión de volver á terra falaba o xornalista José Manuel Rubín, quen o coñeceu décadas atrás cando traballaba en Valdeorras. Destacaba a gran calidade e o valor da obra de Yosso e avogaba pola necesidade dun maior recoñecemento do seu traballo. O acto finalizaba coa entrega dun agasallo a este creador de mans da alcaldesa de Vilariño. De seguido, ofrecíase unha degustación de petiscos aos asistentes. O Concello de Vilariño tamén editou un folleto sobre esta mostra.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close