En portadaÚltima horaVídeos

A mestría pictórica e literaria de Xosé de Valbuxán, no seu propio museo, no Bolo

A inauguración será mañá, sábado 21 de maio, ás 12 horas e contará coa presenza, entre outros, de familiares do artista valdeorrés

 

Tras case un ano de traballlo, o museo que o Concello de O Bolo lle adica ao versátil artista valdeorrés Xosé de Valbuxán ‘Yosso’ está xa listo. De feito, o acto de inauguración será mañá, sábado 21 de maio, ás 12 horas e contará con acompañamento musical e a presenza, entre outros, de familiares de Yosso falecido en agosto de 2019.

 

 

José Porto García ‘Yosso’, máis coñecido como Xosé de Valbuxán, era unha persoa especial. Pintor, pero tamén escritor e poeta, era un artista con pouco apego polo material pero dunha grande sensibilidade. Un creador, amante e defensor da súa terra e do mundo rural, non sempre comprendido e valorado, que falecía deixando un gran legado artístico e cultural. Un legado que por fin ten o seu propio espazo, tal como el quería, moi preto da súa vila natal. “Era un home peculiar e sempre dixo que se ía facer famoso despois de morto e vaino conseguir”, dicía o alcalde de O Bolo, Manuel Corzo, cando anunciaba o que pode ser o seu gran proxecto como rexedor: o primeiro museo de Valdeorras adicado a un artista local, no concello de O Bolo.

 

 

 

O museo que será inaugurado mañá está ubicado nas dependencias do Colexio de O Bolo, en dúas das aulas do centro pechadas ao que se accede por unha pasarela dende a o pavillón municipal. Trátase dun espazo duns 140 metros cadrados que inclúe almacen e baño, no que repousa xa unha pequena parte da obra do artista posto que o seu traballo é moi extenso. Cadros de diverso formato e temática, dende óleos, pasteis ou plumilla ata debuxos de paisaxes da súa aldea natal, pero tamén lugares nos que se desenvolveu como creador como París (Francia), así como retratos da súa familia (dos seus pais, irmás, sobriños,…), entre outros.

 

 

 

Cadros cheos de colorido e maxia, entre o impresionismo e o hiperrealismo, dun detallismo único, cun gran traballo e miles de horas investidas. Unha obra na que reflicte as súas vivencias persoais, a súa relación coa familia, co pobo,… A creación dun ser profundamente sensible, cuxa pintura e escrita, están chamadas a facer da vida unha obra de arte.

 

 

O apartado literario, obras como Valbuxán, O Bolo e As Ermidas: o triángulo da miña infancia ou La montaña sagrada (Epopeya de la leyenda de Osenger) e Himno al roble (poema épico celta), entre outras moitas, amósase nunha vitrina feita polo seu sobriño Pepe.

Na véspera da inauguración, un emocionado alcalde asegura que “este museo vai ser moi importante porque é moita e moi boa a obra de José Porto García, fillo de José e Carmen, quen antes de morrer xa sabía que lle ía facer un museo”.

 

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button