ConcellosEn portadaÚltima horaVilamartín

A metodoloxía científica, aplicada á escavación dos Escarvadores no Castro de Valencia do Sil

Sputnit Lagrego comeza a súa segunda campaña neste asentamento na zona na que interviña décadas atrás este grupo arqueolóxico valdeorrés

 

A segunda campaña arqueolóxica de Sputnik Labrego no Castro de Valencia do Sil (Valencia do Sil) vén de iniciarse o 1 de setembro cunha intervención na zona xa escavada, décadas atrás, polo grupo valdeorrés de Os Escarvadores.

“Este ano decidimos propoñer tres sondaxes. Esta inicial é para darlle unha metodoloxía científica por primeira vez a esta zona, escavada nos anos setenta polos Escarvadores. Nesa época non existía unha lei de patrimonio nin a metodoloxía científica na arqueoloxía que nós utilizamos agora”, explica Celtia Rodríguez, co-directora do proxecto.

Deste xeito, o equipo pretende determinar as fases de ocupación desta parte do xacemento tardorromano “para ver se se corresponden co que atopamos o ano pasado alá, e que interpretamos como unha forxa de ferro, e tamén co fin de sacar a estratigrafía, os depósitos e rexistrar ben as fases de ocupación”, engade a arqueóloga. Neste sector hai unha zona de habitación do castro, lugar onde os seus antigos poboadores vivían, comían, traballaban, durmían, almacenaban produtos… “e iso sabémolo por estes fogares e tamén apareceu moita cerámica de almacenamento”, indica Celtia Rodríguez.

Noutra parte deste mesmo sector, os Escarvadores pararon a escavación xusnto ao chegar aos niveis de ocupación. E precisamente nese punto facían unha intervención, pero non era unha casa romana o que descubrían. “Aí temos un pavimento de opus signinum, que un material romano que non chega a ser cemento, pero case, é moi duro; e cremos que non era unha casa, senón algo relacionado coa forxa e coa metalurxia porque encontramos moitísima escoura de ferro, mena, que era o mineral de ferro en bruto; e unha especie de arxila con restos de metal, que pensamos que pode estar relacionado con algunha estrutura de forno”, asegura Mario Fernández, outro dos membros do equipo”.

 

 

As escavacións continuarán ata o vindeiro 18 de setembro e incluirán actuacións noutros dous sectores. Esta campaña está apoiada polo Concello de Vilamartín de Valdeorras, que pretende converter este xacemento nun referente científico e patrimonial da comarca. Ademais, nela están realizando prácticas cinco estudantes do Máster Interuniversitario de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade, impartido na Universidade de Santiago de Compostela, entidade coa que o concello firmou un convenio.

Fotos: Alba Prada.

Artigos relacionados

Back to top button