SanidadeÚltima hora

A Mezquita e Boborás entrarán no nivel máximo de restricións o luns

O conselleiro de Sanidade, durante a rolda de prensa desta mañá.

 

Nivel máximo de restricións sanitarias nos concellos da Mezquita, Boborás e Poboa de Brollón, que se engadirán ao municipio pontevedrés de Soutomaior, a partir do vindeiro luns. Era unha das novidades que anunciaba en rolda de prensa o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, tras a reunión do Subcomité Clínico deste venres. Ademais anunciaba o levantamento do peche perimetral das áreas sanitarias de Coruña e Pontevedra.

Trala xuntanza do grupo de expertos que avalía a evolución do Covid-19 en Galicia, o titular da carteira sanitaria da Xunta apuntou que desde as 00:00 horas do vindeiro luns 8 de marzo, no que entrarán en vigor as novas medidas, os municipios das áreas sanitarias da Coruña e Pontevedra recuperarán a mobilidade cos restantes concellos galegos, sempre e cando se atopen no seu mesmo nivel de restricións.

No que atinxe ao nivel alto, o responsable da Sanidade galega especificou que os concellos de Miño, Ponteceso, Sobrado, Arteixo, Cambados, Ponte Caldelas, Mos,Vilanova de Arousa, Guitiriz, Lourenzá, Paradela, Cariño e Mugardos pasarán a integrar a listaxe de municipios deste nivel.

Nos restantes concellos galegos rexerán as medidas do nivel medio.

Ademais, García Comesaña solicitou a colaboración de toda a cidadanía á hora de cumprir as medidas establecidas co ánimo de poder continuar coa boa evolución epidemiolóxica que esta a ter a comunidade galega nas últimas datas.

Respecto da ocupación hospitalaria, o xerente do Sergas, José Flores, remarcou que na presión asistencial dos centros sanitarios galegos “observase unha melloría reseñable dos datos, en comparación con hai unha semanas”, explicando que na actualidade son 311 as camas ocupadas por pacientes covid, e que hai 89 pacientes que precisan asistencia nas unidades de coidados intensivos.

No que atinxe aos datos epidemiolóxicos, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, sinalou que “segue a aumentar o número de concellos sen novos casos identificados nos últimos 14 días” e “o número reprodutivo instantáneo fica situado nestes intres, por debaixo do 0,8%”. Ademais, doutora Durán especificou que a “incidencia acumulada en Galicia a 14 días é de 114 casos por 100.000 habitantes, e de 44, na súa evolución a 7 días”.

Artigos relacionados

Back to top button