A MezquitaConcellosÚltima hora

A Mezquita, primeira parada o sábado 5 de xuño, da peregrinación artística “Latexos do rural no Camiño”

A iniciativa de Rubén Riós celebrarase tamén nas vilas de Riós, A Gudiña e Laza os sábados deste mes

 

O rural está máis vivo que nunca e cheo de talento de creatividade. Esa é a premisa que se lanzaba na presentación de “Latexos do rural no Camiño”, un festival itinerante de pequeno formato que percorre os municipios ourensáns da Mezquita, Riós, A Gudiña e Laza os sábados do mes de xuño de 2021. Esta iniciativa, desenvolvida no Marco do Programa “O teu Xacobeo” nace co obxectivo de promocionar a arte no Camiño Sanabrés da Vía da Prata, en localidades que apenas contan cun milleiro de habitantes.

O acto celebrado no Auditorio Municipal de Verín e conducido polo director e creador rural Rubén Riós, foi inaugurado en calidade de anfitrioa pola concelleira de Cultura do Concello de Verín, Emilia Somoza quen agradeceu a iniciativa así como a acollida. Rubén Riós aproveitou para agradecer ás institucións, ás entidades colaboradoras e aos artistas desta edición o seu compromiso, a súa loita e entrega por crear dende o rural e sobre todo, convidou a todos os asistentes a que “xuntos fagamos que o rural lata máis forte que nunca”.

O programa desta primeira edición presentouse con imaxes exclusivas dos artistas locais que son os protagonistas desta peregrinación artística. Carmen Rivero, aproveitou para recitar os versos do seu poema “Gallaecia” e todos os participantes destacaron a súa necesidade de “evitar e loitar porque o rural non acabe abandonado e se visibilice a actividade cultural”, como sinala Paulinha D´Arzoá. Tamén a necesidade de formación e de iniciativas de educación cultural no rural. Como di Jorge de Álvarez “agora pregúntanme se para medrar neste oficio me terei que ir a Madrid. Eu quero seguir creando dende Viana do Bolo”.

 

Rubén Riós na presentación do proxecto en Verín.

 

A Mezquita, primeira parada

Este sábado 5 de xuño a partir das 11h. abriranse as portas do Edificio Multiusos para recibir a todos os asistentes. No propio edificio haberá unha exposición fotográfica asinada por Ramón Fernández, xunto cunha exposición de pinturas exclusivas creadas para esta edición da acuarelista Paulinha D’Arzoá.

Ás 12h. na Biblioteca do Edificio Multiusos, Carmen Rivero recitará os seus poemas acompañada de Paulinha D’Arzoá, que realizará unha performance na que realizará unha interpretación de pintura dos versos da poeta lazana. As portas do Edificio estarán abertas ata as 14 horas. Pola tarde, a actividade comezará de novo a partir das 17 horas cunha peza teatral inédita interpretada por Santi Cañaveral na Biblioteca do Edificio Multiusos. A partir das 18:15h, na escalinata exterior, o estilista Jorge De Álvarez presentará a súa colección exclusiva inspirada na relixión e o Camiño de Santiago cun novidoso desfile de moda. Para rematar, no campo anexo do Edificio Multiusos da Mezquita, terá lugar un concerto en formato dúo e trío do alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Verín.

Ás 20h. pecharanse as portas e os vindeiros sábados terán lugar as mesmas actividades no mesmo horario:

– Sábado 12 de xuño, Edificio Multiusos e praza do Concello de Riós.
– Sábado 19 de xuño, Edificio Multiusos e praza Maior da Gudiña.
– Sábado 26 de xuño, Salón de actos do Concello e praza da Picota de Laza.

Artigos relacionados

Back to top button