En portadaÚltima hora

A mina de ouro romana das Borreas de Caldesiños (Viana) estreará sinalización turística intelixente

Trátase dun proxecto de valorización dun recurso arqueolóxico do territorio mediante o emprego de novas tecnoloxías (TICs) e promovido polo Concello de Viana do Bolo
Vista conxunta das Borreas de Caldesiños (Viana do Bolo)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Non só constitúen a principal explotación aurífera romana de Viana do Bolo en canto a cantidade de terra removida e a infraestrutura de captación e almacenaxe hídrica. Son ademais unha das principais explotacións auríferas de época romana existentes no territorio galego. As Médulas de Caldesiños, tamén denominadas “As Borreas” sitúanse na localidade de Caldesiños, a 6 Km da vila Viana do Bolo, ao lado da OU-533.

O seu sistema de explotación é semellante ao das Médulas do Bierzo, o coñecido coma ruina montium, no que se recurría á forza da auga para desprazar inxentes cantidades de material que logo era cribado na busca do prezado metal. Para que os visitantes deste xacemento poidan achegarse e descubrir a súa singularidade, o Concello de Viana do Bolo vén de dotalo dunha sinalización turística intelixente, do mesmo xeito que xa fixera anteriormente cos elementos históricos e patrimoniais do casco antigo da vila.

“Trátase dun proxecto de valorización dun recurso arqueolóxico do territorio mediante o emprego de novas tecnoloxías (TICs) que permitirán ademais poñer os contidos ao alcace de persoas con visión reducida ou invidentes a traveso dun sistema de narración”, explica o alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández.

Aínda non se completou esta sinalización, pero “o proxecto avanza satisfactoriamente, xa están colocadas a práctica totalidade dos sinais e están en proceso os aspectos tecnolóxicos”, engade o rexedor vianés.

 

Un dos sinais instalados./ Foto cedida.

 

Panel explicativo da nova sinalización./ Foto cedida.

 

Artigos relacionados

Back to top button