Non só constitúen a principal explotación aurífera romana de Viana do Bolo en canto a cantidade de terra removida e a infraestrutura de captación e almacenaxe hídrica. Son ademais unha das principais explotacións auríferas de época romana existentes no territorio galego. As Médulas de Caldesiños, tamén denominadas “As Borreas” sitúanse na localidade de Caldesiños, a 6 Km da vila Viana do Bolo, ao lado da OU-533.
O seu sistema de explotación é semellante ao das Médulas do Bierzo, o coñecido coma ruina montium, no que se recurría á forza da auga para desprazar inxentes cantidades de material que logo era cribado na busca do prezado metal. Para que os visitantes deste xacemento poidan achegarse e descubrir a súa singularidade, o Concello de Viana do Bolo vén de dotalo dunha sinalización turística intelixente, do mesmo xeito que xa fixera anteriormente cos elementos históricos e patrimoniais do casco antigo da vila.
“Trátase dun proxecto de valorización dun recurso arqueolóxico do territorio mediante o emprego de novas tecnoloxías (TICs) que permitirán ademais poñer os contidos ao alcace de persoas con visión reducida ou invidentes a traveso dun sistema de narración”, explica o alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández.
Aínda non se completou esta sinalización, pero “o proxecto avanza satisfactoriamente, xa están colocadas a práctica totalidade dos sinais e están en proceso os aspectos tecnolóxicos”, engade o rexedor vianés.