ConcellosPereiro de AguiarÚltima hora

A misteriosa inscrición “Sicenata Pacata”, de Pereiro de Aguiar, contextualízase en época medieval

Case medio cento de veciños dos núcleos de Vilariño, San Salvador e Parada camiñaban na noite deste pasado sábado para participar na visita guiada ao conxunto arqueolóxico realizada polos técnicos da cooperativa Xeitura e impulsada dende o Concello de Pereiro de Aguiar

 

O histórico camiño que une os núcleos de San Salvador de Vilariño e Parada, ribeira e chaos do concello de Pereiro de Aguiar, non recordaba tanto movemento de persoas na noite dende hai décadas. Dende o solpor deste pasado sábado case medio cento de veciños e veciñas da zona guiaban polo monte a curiosos chegados de diferentes puntos de Galicia para coñecer unha das inscricións en pedra máis enigmáticas de toda a Península Ibérica.

Técnicos arqueólogos e restauradores da cooperativa Xeitura traballaran na zona hai semanas na investigación e preservación da misteriosa inscrición Sicenata Pacata que Ferro Couselo e outros especialistas vincularon coa conquista destas terras por parte do exército romano. Despois de días de intenso esforzo, moi condicionado pola meteoroloxía, eses mesmos técnicos xunto con veciños e curiosos dábanse cita ao pé do coñecido como “Penedo das letras” para analizar en persoa os restos recuperados nas escavacións arqueolóxicas. Achados que contextualizan a inscrición en época medieval fronte a evocadora e romántica visión do famoso Monte Medulio.

“A diferenza dos historiadores da antigüidade que traballan coas fontes clásicas ou epigrafistas que están a cabalo da filoloxía, os arqueólogos temos que traballar con evidencias materiais. Obxectos tanxibles cos que temos que construír un relato plausible. É por isto que os nosos estudos na zona indican que todo o contexto material do epígrafe SICENATA PACATA foi intensamente ocupado en época medieval, non anterior. O motivo, o tipo de asentamento, se existía un castelo ou non, son preguntas sen resposta aínda e que obrigan a acometer novas investigacións. Centrándose estas necesariamente no lugar que se coñece na zona como “O Castelo” e no que se observan a simple vista restos dunha posible fortificación medieval”, apuntaba o arqueólogo director da intervención Martiño Xosé Vázquez aos asistentes á visita.

Plan de actuación na zona e novas escavacións

Comprometéndose a atender esta demanda dos técnicos e poñer en valor o lugar, o alcalde do Concello de Pereiro de Aguiar, Luis Menor, presentaba un plan de actuacións para a zona que inclúe novas escavacións arqueolóxicas, a recuperación de camiños históricos e a sinalización dunha ruta de sendeirismo circular.

“Dende o goberno municipal estamos comprometidos coa recuperación do noso patrimonio cultural e natural. Coñecer a nosa historia é fundamental para saber de onde vimos e cara onde queremos ir. Traballar con este horizonte permite non só poñer estes recursos a disposición da veciñanza como un equipamento cultural máis, senón que tamén ter unha ampla oferta que permita situar ao noso municipio nun atractivo turístico de entrada á Ribeira Sacra”, apuntaba Menor.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button