CulturaCulturaÚltima hora

A MIT de Ribadavia comeza a súa trixésimo sexta edición

Terá lugar entre os días 17 e 27 de xullo en diferentes puntos da vila con inauguración na Praza da Madalena

A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia daba na pasada tarde do 17 de xullo o pistoletazo de saída á súa trixésimo sexta edición. A actividade celebrarase entre os días 17 e 27 de xullo en diferentes puntos da vila. Ao acto de inauguración asistían o conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, e o alcalde de Ribadavia, César Fernández, acompañados polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.

 

Durante unha das actuacións.

 

Dentro das propostas galegas, a carteleira deste ano concederalles unha especial atención á danza e á narración oral. No primeiro dos casos, en Ribadavia poderán verse as últimas montaxes de Nova Galega de Danza xunto a Rosa Cedrón, Pálido Domingo, Kirenia Martínez Acosta ou La Macana, ademais de acoller a estadía artística de Laila Tafur dentro do programa Residencias Paraíso, organizado polo Colectivo RPM en colaboración coa Agadic. Pola súa banda, Paula Carballeira, Quico Cadaval, Pedro Brnadariz, Isabel Risco, Celso Sanmartín, José Luis Gutiérrez “Guti” ou Fran Rei darán conta da gran conexión co público que mantén a narración oral galega.

O recentemente estreado “Dreaming Juliet”, de Elefante Elegante, e dous dos espectáculos máis premiados na pasada edición dos Premios María Casares de Teatro Galego (“Liberto” e “Fariña”) representaranse tamén nesta 36ª edición do encontro, no que Marta Pazos recibirá o Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño. Xunto á súa compañía, Voadora, a directora impartirá ademais un taller de creación escénica a partir do “Othello”, de Shakespeare.

 

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, durante o acto de inauguración.

 

Por outra banda, entre as estreas da Mostra Internacional de Ribadavia, destaca a presentación en Galicia do premiado espectáculo “Rebota, rebota y en tu cara explota, de Agnés Mateus e Quim Tarrida, e da montaxe de Teatro en Vilo “Hoy puede ser mi gran noche”, así como de “Melancoholemia”, coprodución da MIT con Antón Reixa, quen estará en escena xunto con Pedro Brandariz e baixo a dirección de Fernando Bernués, de Tanttaka Teatroa. Nesta ampla programación, haberá tamén lugar para unha retrospectiva do director e dramaturgo Pablo Remón, así como para a peza visual e documental “Tierras del Sud”, de Azcona&Toloza.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez fixo fincapé no acto de inauguración no compromiso desta cita cos profesionais do teatro galego, xa que, segundo salientou, o 70% da carteleira está composta por compañías de Galicia. “A importante presenza do sector galego afonda no espírito de ilusión, dinamismo e amplitude de miras co que o certame foi concibido en 1973 da man da emblemática Asociación Cultural Abrente”, afirmou.

Fotos: MIT Ribadavia

Artigos relacionados

Back to top button