En portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

A mocidade, protagonista dos actos do 25N no Barco

Ás 12h. tiña lugar unha concentración na praza do Concello na que alumnado de diferentes centros educativos lía un manifesto

 

Co son de “El canto de los pájaros”, interpretado ao violenchelo por Luisa Canedo, comezaba ás 12h. do 25 de novembro na praza do Concello do Barco a concentración de repulsa contra a violencia de xénero na praza. Neste acto rendiáselle unha homenaxe especial ás vítimas e tiña lugar exhibición de carteis en memoria destas mulleres asasinadas (feitos polos obradoiros de memoria). “Son máis de 50 mulleres as que foron asasinadas en España no que vai de 2019 e máis de 1.200 dende que hai rexistros”, lembraba o concelleiro de Servizos Sociais, Orlando Saavedra.

Ademais a mocidade baquense convertíase en protagonista coa lectura dunha serie de manifestos para conmemorar neste 25N o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Comezaban dúas alumnas do Colexio Plurilingüe Divina Pastora que lanzaban unha mensaxe de “apoio e ánimo”, resaltaban a “afouteza férrea da muller” e aseguraban que “poder á un verbo non un substantivo, a voz das mulleres enriquece ao mundo, escoitémola”.

 

 

Despois, tomaban a palabra o alumnado que forma o grupo feminista do IES Lauro, que se referían ao papel do feminismo na sociedade actual, á importancia da educación e “pedían un cambio radical” da situación. “Nós somos o futuro, temos que erradicar os comportamentos tóxicos e discriminatorios, cambiemos”.

Finalmente, escoitábase o manifesto dos estudantes do IES Lauro Olmo, lido por unha alumna do centro. Nel falábase de tres historias: unha de pasado, aludindo ás mulleres falecidas, outra de presente en referencia á celebración hoxe do 25N e outra de futuro, “xa que xuntas poderemos ser quen de cambiar a historia”.

O acto pechábao o concelleiro de Servizos Sociais, tras a interpretación ao chelo de “Negra Sombra”, quen indicía en que “na loita contra a violencia de xénero non cabe o silencio. ¡Fagamos do Barco un espazo libre de violencia machista! Grazas”.

 

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button