SanidadeÚltima hora

A mostra “50 años cambiando a historia do cancro” da AECC pode verse na Casa da Cultura da Rúa

 

Con motivo do 50 aniversario da AECC e, no marco do mes da investigación, a Asociación Española Contra o Cancro en Ourense vén de inaugurar na Rúa a exposición fotográfica “50 anos cambiando a historia do cancro”. Unha mostra que pode verse na Casa da Cultura ruesa e que amosa a través de varios paneis, exemplos significativos dos avances científicos que nos últimos anos contribuíron a mellorar a vida das persoas grazas a que hai 50 anos a AECC apostase pola investigación.

“O que pretendemos con esta exposición é trasladar o labor da AECC ao terreo, que a xente coñeza o que se fai dende a fundación científica e o que foi evolucionando a investigación, sobre todo, na loita contra co cancro”, dixo o presidente da Asociación Española contra o Cancro en Ourense, Germán Rodríguez-Saá, no acto que tiña lugar no mediodía deste venres 20 de maio.

 

O presidente da AECC de Ourense, Germán Rodríguez-Saá, saudando aos asistentes á inauguración da exposición.

 

Acompañado por Gloria Pérez, delegada da Asociación en Valdeorras, Jacqueline Rodríguez, psicóloga da Asociación Española Contra o Cancro en Valdeorras, Álvaro José Fernández, alcalde da Rúa e dúas concelleiras, ademais de varias voluntarias da asociación, Rodríguez-Saá explicou que co traslado ao terreo conseguen dous obxectivos. “Primeiro que a xente se dé conta de como ten interferido a investigación no ratio de supervivencia na enfermidade; e segundo, intentar chegar a todos os sitios sen distinción porque démonos conta de que a asociación fai moitas cousas pero coñécense pouco e non chegar a todos os sitios que deberían chegar”.

Algo que esperar solucionar, polo menos en boa medida, con esta mostra itinerante que conmemora o 50 anos da constitución da fundación científica, “un dos eventos que faremos este ano”, dixo Germán, lembrando que estará na Rúa ata finais de setembro pero xa estiveron no Barco de Valdeorras e estarán en Allariz, no Carballiño, en Ourense,… “un paso máis no que significa estar sobre o terreo con pacientes, familiares e veciños”.

 

Asistentes á inauguración da mostra na Casa da Cultura da Rúa.

 

Pola súa banda, o alcalde da Rúa Álvaro Fernández está “encantado de recibir na Rúa unha exposición tan importante como esta por todo o que conleva, concienciar sobre este tema e sobre todo darlle visibilidade para intentar acabar con esta lacra, unha das enfermidades máis numerosa e complexa que hai hoxe en día. É fundamental que se fagan investimentos o máximo posible para investigar e superar o cancro, unha enfermidade moi traumática e complicada”.

O rexedor tamén asegurou que acoller esta mostra é a mellor forma de que a Casa da Cultura retome a súa función de dinamización, un obxectivo que teñen dende o Concello :”fomentar a actividade cultural e social aproveitando ao máximo estas instalacións”, aseguro Álvaro Fernández.

 

 

Fotos e vídeo: Caros G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button