CulturaCulturaÚltima hora

A mostra “Auga. O sangue da terra” de Manuel Valcárcel chegará á Rúa en marzo

Estará instalada a partir do día 11 na Casa da Cultura da vila. Esta iniciativa é froito dun convenio de colaboración asinado entre o Concello e Abanca
Imaxe da sinatura do convenio entre o Concello da Rúa e Abanca.

É unha viaxe fotográfica polos cinco continentes tendo como fío condutor a relación do ser humano coa auga. Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a conca lucense o río Lor. Un proxecto do fotógrafo Manuel Valcárcel do que nacía a exposición “Auga. O sangue da terra”, que a partires do 11 de marzo poderá verse na Casa da Cultura da Rúa.

Isto será posible grazas ao convenio de colaboración asinado na mañá do 26 de febreiro entre o Concello da Rúa e Abanca.  Neste acto participaban o alcalde, Luis Fernández; o director de zona leste Ourense de Abanca, Diego Daniel Fernández; e a coordinadora institucional para Ourense e Lugo de Afundación, Beatriz Fernández-Anguiano.

Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de Abanca, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

«Auga. O sangue da terra», de entrada libre e gratuíta, poderase visitar a partir do 11 de marzo na Casa da Cultura da Rúa, de luns a venres en horario de 10.00 a 13.30 h e de 16.30 a 20.30 h, os sábados de 12.00 a 14.00 h e de 17.00 a 20.00 h, e os domingos de 17.00 a 20.00 h.

Como complemento didáctico, a Área Educativa de Afundación deseñou diversos obradoiros para os proxectos expositivos incluídos no programa «Corrente cultural», adaptados ás idades dos escolares, desde primeiro de infantil ata bacharelato e ciclos formativos. Así, os estudantes da Rúa desde educación infantil ata 3.º de primaria poderán participar na didáctica A auga e a vida, a vida e a auga; os de 4.º de primaria ata 2.º de ESO en Lume, terra, auga e aire; e os de 3.º e 4.º de ESO, bacharelato e ciclos formativos en Auga, o sangue da terra. O teléfono de inscrición é o 986 333 210 ou o correo areaeducativa@afundacion.org.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button