OurenseÚltima hora

A Mostra Escénica “Esenciais 20/50”, un convite para aprender a envellecer desde a arte, o diálogo e a reflexión

Este singular evento, que contaba coa participación de diferentes creadores, tiña lugar o 18 de decembro en Ourense

Publicidade

 

O Teatro Principal de Ourense acollía nesta fin de semana a mostra escénica do proxecto ‘Esenciais 20/50’. Sobre o escenario, as historias de vida e as experiencias dun grupo de persoas que están a afrontar o envellecemento de xeitos diferentes. Artistas, participantes e público xeraban o 18 de decembro unha atmosfera común na que a palabra “vellez” perdía o seu significado, igualando en condicións a todos os presentes e despertando neles sentimentos de emoción, reflexión e reivindicación.

‘Esenciais 20/50’, segundo a definen os seus promotores, é unha chamada a abordar diferentes maneiras de afrontar a vida e o paso dos anos. Así, Cristina Pato anunciaba ao comezo do espectáculo que “hai tantas maneiras de envellecer como persoas no mundo”. E, malia que ninguén nos ensine a facelo, “temos que aprender a envellecer, porque a outra opción é criminal”, engadía Xaime Fandiño.

Este evento ía máis alá da música, do teatro ou das historias de vida. Un encontro artístico para rir e chorar xunto as íntimas intervencións de Maruxa Lorenzo Selas e José Piñeiro. Ambos presumían da súa “xuventude acumulada cos anos” e reivindicaban un futuro para os maiores (que non vellos), porque “poder soñar non é unha cuestión de idade”.

Tamén Xaime Fandiño e Chefa Alonso convidaron a reflexionar aos asistentes, a través das súas propias experiencias persoais, sobre a importancia de todas eses pequenos matices dos que se nutre a personalidade da xente ao longo da vida, e do papel fundamental que ten a trasmisión do coñecemento interxeracional na superación dos principais desafíos de crecemento e desenvolvemento da individuo.

E, todo isto, baixo un coidado discurso narrativo que intercalaba as delicadas actuacións das músicas Alba María, Chefa Alonso, Wöyza, Cristina Pato, Raquel Pato, a banda interxeracional Deteriorados, Quela Aydillo e Lara Vazquez e máis a poesía de Eva Veiga. Todas xuntas formaron a Orquestra Esenciais, protagonista da alquimia sonora dirixida por Chefa Alonso e encargada de pechar a actuación. A asistencia escénica correu a cargo de Marina Oural, Ugia Pedreira, Cecilia Carballido e Cristina Pato.

Un laboratorio de creación

“Esenciais 20/50” achegou a Ourense un laboratorio de creación e pensamento ao redor da arte, a sociedade e a idade. O obxectivo desta iniciativa, creada por Cristina Pato e Xaime Fandiño en colaboración con Cunde e a Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento, é que os participantes reflexionen e aprendan sobre os estereotipos e os diferentes xeitos de envellecer.

A súa programación nace cun foco interxeneracional, centrada nunha serie de obradoiros interdisciplinares nos que participaron perfís de diferentes xeracións, oficios e vidas creando con eles espazos de interacción arredor de procesos artístico-pedagóxicos vivenciais. Tiveron cabida nesta proposta dous obradoiros: un de improvisación oral con Alba María con alumnas do IES As Lagoas; e outro de creación escénica e improvisación sonora con tódolos participantes, dirixido por Marina Oural e Chefa Alonso.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button